A crise dos pellets marca a actualidade política
Despois da denuncia por parte de asociacións e persoas da sociedade civil sobre a situación do litoral galego, as institucións comezaron a tomar parte no asunto
Nos últimos días a actualidade galega vén marcada por un vertido de pellets, unhas bolas de plástico duns 5 milímetros que se empregan para fabricar produtos de plástico, que proveñen dun contedor perdido polo buque Toconao, con bandeira de Liberia. A Delegación do Goberno en Galicia explicou este luns os feitos ocorridos e a súa cronoloxía a través dunha nota de prensa na que se menciona que foi o 13 de decembro cando empezaron a chegar os sacos cheos deste material ás costas de Ribeira. Ese día chegou un aviso do 112 a Salvamento Marítimo.
A situación empezouse a coñecer entre a sociedade galega grazas á denuncia de diferentes asociacións e persoas a través das redes sociais, especialmente pola conta de Noia Limpa. Grazas ao esforzo destes perfís por dárlle voz ao que estaba a acontecer, moita xente tomou partida e comezou a compartir as publicacións nas diferentes plataformas.
Ante esta situación, os concellos afectados explicaron que non recibiron alerta por parte das administracións competentes. Os alcaldes e alcaldesas do BNG das localidades afectadas fixeron un vídeo no que a alcaldesa de Muros, María Lago, incidiu en que se sentían “completamente abandonados por todas as administracións” e reclamoulles axuda antes de que a situación empeore.
Ante esta crise, Alfonso Rueda apuntou que a primeira comunicación oficial que tiveron foi o 3 de xaneiro e comezou un cruce de acusacións entre o Goberno Central e o da Xunta. Fronte esas declaracións, o Ministro de Transportes e Mobilidade Sostible, Óscar Puente, fixo un fío en X explicando a cronoloxía dos feitos e sinalou que a primeira comunicación se produciu o 13 de decembro.
Dentro desta dinámica, a Xunta denunciou que non estaba a recibir axudas por parte do Goberno de España, ao que este respondeu que non llas podía dar debido a que non elevaba o nivel de alerta. Finalmente, unhas horas despois de que Asturias anunciara o nivel dous de alerta, o Goberno galego tamén o facía, de maneira que si que poden recibir recursos do Estado.
Recomendámosche seguir a perfís como Noia Limpa e Adega Ecoloxismo para coñecer onde se realizan as limpezas e a que horas e avisar ao 112 se atopas algún dos sacos con pellets. É importante informarse ben antes de levar a cabo as labores de recollida, tendo en consideración que hai que levar material propio por falta de organización, que debes separar os pellets de outros residuos e depositalos en espacios facilitados polos concellos ou avisar ao 112 para que os recollan. As novidades son constantes e medios como praza.gal e elDiario.es están informando de cada última hora.
Lara Méndez deixa a alcaldía de Lugo
A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, anunciou este luns que deixaba o seu cargo para ir como número dous dos socialistas na provincia de Lugo. Mentres, Elena Espinosa liderará a lista por Pontevedra, Carmen Dacosta a de Ourense e Patricia Iglesias a de Coruña. Tamén soaba o nome de Gonzalo Caballero, proposto pola agrupación socialista de Vigo, pero finalmente o partido apostou por poñer en cabeza tres mulleres.
Como xa avanzábamos na anterior newsletter, publicáronse novas enquisas sobre as eleccións galegas e todas elas apuntan a unha nova maioría absoluta do PPdeG. A de Sondaxe réstalle tres escanos aos de Alfonso Rueda ata chegar aos 39, deixando o BNG con 20, o PSdeG con 15 representantes e a Sumar cun asento.
Tamén lle dan este número de deputados aos populares a enquisa de Electomanía realizada para ElPlural.com, coa diferenza de que sitúa ao BNG coa cifra récord de 22 e ao PSdeG 13. O escano que queda para chegar aos 75? Pois iría para Democracia Ourensá, sendo esta a única que lle outorga representación.
Enquisa de Electomanía para ElPlural.com das eleccións galegas. El Plural
Por último, a sondaxe publicada por 40dB para o Grupo Prisa é a que mellores números lle pronostica ao PPdeG, con 42 asentos. De feito, os seus datos apuntan a unha repetición dos resultados das últimas eleccións, o que deixaría ao BNG con 19 e ao PSdeG con 14.
Homenaxe a Castelao, trenecitos, gran estrea de Sumar Galicia e proclamación oficial de Rueda
Máis alá da actualidade da crise marítima medioambiental e do traballo interno que dos partidos cara a cita electoral, as formacións galegas seguen a celebrar os seus actos de precampaña. O PPdeG proclamou esta fin de semana de xeito oficial ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, como candidato ás eleccións galegas. Nun concorrido acto celebrado en Compostela arroupado pola cúpula do partido, Rueda exixiulle aos seus “esforzo, implicación e compromiso para non caer no conformismo”.
Pola súa parte, o BNG homenaxeou en Rianxo a Castelao no aniversario do seu pasamento nun gran acto enmarcado na precampaña cara o 18F. A candidata á presidencia, Ana Pontón, destacou a excepcionalidade destas eleccións nas que se poderá poñer “unha Galiza en grande” que supere o “goberno incompetente do Partido Popular”.
O Nadal en Vigo rematou co cumprimento da promesa do ministro de Transportes, Óscar Puente, que chegou a Vigo cos Reis Magos no novo Talgo Avril que unirá Urzáiz con Madrid a 300 km por hora. O candidato socialista á presidencia da Xunta, Gómez Besteiro, estivo presente na comitiva e ata tivo un instante “íntimo” co Talgo ao que lle agredece a posibilidade de chegar a Madrid en 3:35 horas.
Pola súa parte, Sumar Galicia celebrará en Vigo este venres o seu primeiro gran acto de precampaña cun evento que contará coa presenza da vicepresidenta segunda do Goberno, Yolanda Díaz. A candidata á Xunta, Marta Lois, estará tamén acompañada no Auditorio Mar de Vigo polo líder de Más País, Íñigo Errejón.
O próximo martes na análise de Marta Casais: os barrios abstencionistas de Galicia
A vindeira semana botará a andar a nova sección desta Newsletter na que Marta Casais realizará análise de datos relacionados coas eleccións galegas. Na primeira entrega, traeranos un mapa e ránking por cidades dos barrios máis abstencionistas das eleccións galegas de 2020, precisando a imaxe demográfica cos datos de renda media, nivel de estudos e idade.
A partires de agora, os cadernos de precampaña chegarán os martes á túa bandexa de entrada e conservaremos a newsletter quincenal dos #XovesCarretando para estar ao día de tódolos nosos contidos. Hai moitas horas detrás de cada traballo, o cal podes apoiar a través do noso Patreon. Grazas por estar, sempre!