A líder que cambiou o rumbo do BNG
Chegamos ao último perfil dos candidatos e candidatas ao 18F e publicamos un preelectoral coas nosas percepcións das mensaxes dos partidos e do que pode pasar nas eleccións
Faltábanos unha candidata á que coñecer en profundidade en Carretando, Ana Pontón. Nestas semanas de precampaña había que falar do rostro que lle puxo un sorriso ao BNG, en tódolos sentidos. Chegou para liderar o partido no momento máis complicado da súa historia e levalo ao mellor resultado nos seus máis de 40 anos de vida.
Para facer un repaso polo seu perfil tivemos o pracer de contar coa xornalista da revista Luzes e da revista Andaina, Ana Luisa Bouza, e o redactor de Público e tamén colaborador de Luzes, Juan Oliver. Cos seus relatos puidemos coñecer a traxectoria de Ana Pontón, os rasgos que a caracterizan politicamente e falar un pouco da actualidade cara o 18F.
Para Ana Luisa Bouza, a líder nacionalista ten como piares políticos catro patas “moi ben integradas”: a esquerda, o nacionalismo, o feminismo e o ecoloxismo. Juan Oliver quixo destacar algo sobre esta última característica: “Cando falamos de ecoloxismo parece que ten unha derivada de ser algo moderno, urbanita, criado ao redor das universidades. Eu creo que o ecoloxismo de Ana Pontón vén máis ben porque é unha persoa de aldea”.
Sabemos que a candidata se converteu na líder do BNG en 2016, nun momento moi delicado para a formación e no que se chegou a apuntar que non acadaría representación nas autonómicas. Ana Luisa Bouza destaca que a candidata ten 20 anos de experiencia política nos que tivo que xestionar crises importantes. Tamén apunta a que a súa militancia na UPG foi unha das claves de que houbese e haxa unha confianza total interna no seu liderado.
Juan Oliver pon o foco en que Ana Pontón quere “representar ao seu país, á súa xente, e facer política representando máis que liderando”, característica que, desde a súa perspectiva, a leva a chegar á fronte do proxecto. O xornalista contrasta esa visión da candidata coa que tiñan líderes anteriores, masculinos e cunha necesidade de construír liderado e estar en batalla coas partes.
Ela consegue superar unha barreira e ser a primeira muller en encabezar o partido, dotando á formación dunha nova imaxe. “O BNG pasou de estar á defensiva desde o punto de vista do discurso político (…) a estar relaxado”, apunta Ana Luisa Bouza, destacando que hai que empregar o humor na comunicación e non tomarse en serio cuestións como o de BilduGá.
Pechando con temas máis de actualidade, o noso convidado e a nosa convidada concordan en que a campaña da formación pasa principalmente por mobilizar ao electorado abstencionista. Ana Luisa Bouza sinala que ela “é consciente de que as enquisas din que moita xente quere cambio, pero pouca cre que sexa posible”.
O xornalista de Público ve xustamente aí “un dos éxitos de Ana Pontón”, a posibilidade de convocar a un votante abstencionista sen diferenciar eixos como se ten feito anteriormente desde o BNG. “Dá igual a quen votaras”, ela busca “representar os teus intereses”, insiste Juan Oliver.
No que non concordan o noso convidado e a nosa convidada é en que pasará se o BNG non chega ao goberno da Xunta. Ana Luisa Bouza cre que Ana Pontón quedaría no partido, mentres que Juan Oliver considera que daría un paso ao lado. Ti que opinas que pode pasar?
Ao final do programa tamén se debate sobre quen podería ocupar cargos no caso de que si chegasen ao goberno. Todo isto son hipotéticos, claro está, aínda que cada vez queda menos para sabelo! Escoita toda a conversa entre Ana Luisa Bouza e Juan Oliver no podcast 4x08, dispoñible en iVoox, Spotify e Apple Podcast.
O preelectoral de Carretando
O equipo de Carretando (case) ao completo volveu á Facom para falar de como vemos aos partidos nesta precampaña. Comentamos as súas estratexias de comunicación e as nosas percepcións sobre como chegan as diferentes formacións e os seus candidatos e candidatas aos comicios.
Neste podcast 4x09 falamos do papel que xogan partidos como Democracia Ourensana e Sumar, se conseguirán representación e se “quitarán” ou non votos a outras formacións. Tamén debatimos sobre o liderado dos principais candidatos e candidatas, especialmente da situación de Alfonso Rueda.
Se chegas ao final do preelectoral de Carretando escoitarás as nosas primeiras porras de cara aos comicios. Damos alegrías para todos os lados, así que eu non me preocuparía. De paso podes facer a túa estimación, a ver quen acerta máis!
Xa sabes que a principal vía para apoiar Carretando é o noso Patreon. Este martes actualizamos as nosas curiosidades e falamos da “arte galega de facer política”. Algunha vez pensaches na cantidade de personalidades políticas que son da nosa terra?
Pronto haberá unha nova newsletter na que falaremos dos primeiros días de campaña, que empeza hoxe ás 00.00h. De feito, mañá tamén publicamos un novo podcast analizando a situación. Estate atentx a Twitter e Instagram para enterarte de cando sal este programa no que xuntamos nunha mesa ao politólogo Yannick Juncal, a xornalista Lara Salgado, o analista e economista Manuel Ortigueira, a xornalista Ana G. Liste e ao analista e consultor político Roi P. Vila. Grazas por lernos e por escoitarnos!