A viaxe máis longa da autocaravana de Carretando
Quedan poucos días para os comicios europeos do 9 de xuño, así que o noso proxecto divulgativo tiña que tratar algúns dos temas que máis preocupan aos galegos e galegas e que se deciden en Bruxelas
O próximo 9 de xuño chega a Galicia unha nova cita electoral e desde Carretando tiñamos a obriga de aproximarnos un pouco a eles. Esta vez collen as chaves do proxecto dous colaboradores de luxo, a xornalista Marta Casais e o analista político Roi Pérez. Dúas persoas xa coñecidas en Carretando soben á nosa autocaravana para facer moitos e moitos quilómetros e falar dos temas máis destacados destes comicios.
A pesar de que entre Galicia e Bruxelas haxa unhas cantas horas de estrada, moitas das cuestións de actualidade no noso territorio están presentes nas institucións europeas. De feito, alí tómanse decisións chave para o noso día a día: desde o papel esencial que ten a UE nos sectores da pesca e a agricultura, ata temas como a recuperación económica despois da crise da Covid-19.
Roi Pérez e Marta Casais comezaron esta serie cunha cuestión que leva semanas presente na axenda galega, como é a creación da planta de celulosa Altri en Palas de Rei. Está a haber unha grande oposición a este proxecto, excluído dos fondos Next Generation por non cumprir cos criterios da UE. Dentro dos partidos, o BNG está a liderar o movemento en contra de Altri.
Pero, que papel xoga a UE dentro deste tema? O feito de que non entre dentro dos criterios Next Generation é fundamental, xa que para o proxecto o financiamento público é fundamental. Marta Casais explica que desde a UE consideran que non cumprían cos criterios por non estar o suficientemente xustificado e as condicións financieiras propostas non eran aceptables, pedindo unha axuda de máis do 30% do total. Con todo, o debate vén pola importancia do desenvolvemento industrial dos territorios, neste caso o galego.
O tema do custo-beneficio do que falan Marta e Roi é o dilema principal. Ambos destacan que a realidade é que o proxecto que presenta Altri non é demasiado innovador. Ademais, podería afectar a outros sectores importantes na zona como son o do marisqueo ou o turístico.
Se queres coñecer a fondo o papel que xogan as institucións europeas neste proxecto e como están a ser as posicións políticas, podes escoitar o podcast completo en iVoox, Spotify e Apple Podcast. Á parte, Marta Casais e Roi Pérez aportan as súas visións sobre Altri e o modelo industrial galego que non te podes perder!
Enquisas sobre as eleccións europeas
Este mesmo xoves saliu a sondaxe do CIS sobre os comicios europeos, o cal prognostica unha vitoria do PSOE con entre 21 e 24 eurodeputados. Tamén apunta a unha importante suba que colocaría o PP entre 18 e 20 representantes.
Por detrás deles, Vox sería a terceira forza cun resultado entre 5 e 6 escanos, seguido de Sumar con 4 e Podemos que tería entre 2 e 3. Ahora Repúblicas, coalición na que se integra o BNG, conseguiría entre 2 e 3, o que podería deixar fora a Ana Miranda por ser a terceira da lista.
En total hai 61 escanos en xogo en España de 720 que hai en total na UE. Os que faltan? Segundo o CIS, Junts e Se acabó la Fiesta obterían entre 1 e 2 respectivamente; Coalición por Europa Solidaria (CEUS), coalición na que está o PNV, entre 0 e 1; e Ciudadanos quedaría fora, perdendo os 8 que tiña.
A pesar destes números, a meirande parte das enquisas dan como gañador ao PP. A de NC Report para La Razón apunta que os populares obterían 24 ou 25 escanos fronte aos 18 ou 19 do PSOE. Segundo a sondaxe de 40dB para El País e a Cadena Ser a situación estaría un pouco máis reñida, con 23 deputados para o PP e 20 para os socialistas. No que tamén coinciden ambas enquisas é que Ahora Repúblicas conseguiría 3, polo que Ana Miranda tería asento propio.
Somos conscientes de que estas eleccións están a pasar un pouco desapercibidas e que hai moitas persoas que non se senten apeladas. Con todo, son uns comicios moi relevantes que marcarán o rumbo de Europa nuns anos nos que se decidirá sobre temas tan importantes como a sustentabilidade, o modelo económico ou os dereitos humanos.
Desde Carretando, grazas a Roi Pérez e Marta Casais, seguiremos informando sobre as institucións europeas a través de temas galegos, eses que todas e todos temos presentes. Asemade, convidámoste a seguir de cerca o traballo de outros medios como praza.gal, que vén de publicar un artigo sobre as eleccións desde a perspectiva galega baixo o título ‘Resaca das galegas e tentación estatal nunhas eleccións europeas transcendentais’.
Tamén che recomendamos esta conversa entre o que foi presidente da Xunta entre 1987 e 1990, Fernando González Laxe, e a directora xeral de Igualdade durante o Bipartito, Ana Luísa Bouza. Neste vídeo elaborado por Nós Televisión falan sobre como se recibiu a entrada de España na UE, cara onde debería camiñar Galicia dentro da institución e a actualidade da mesma a nivel económico.
Grazas por lernos! Pronto haberá un novo podcast sobre Galicia na UE e un novo correo na túa caixa de entrada 🩵