Alfonso Rueda: o delfín ao que lle tocou ser presidente
Aproximámonos á figura do pontevedrés no medio da precampaña das primeiras eleccións autonómicas que vive como líder do PPdeG
A nosa autocaravana chegou o pasado xoves a Pontevedra, cidade onde empeza a historia do actual presidente da Xunta de Galiza. Alfonso Rueda é o protagonista do segundo perfil que publicamos, unha figura que leva moitos anos en política, aínda que fose descoñecida para boa parte da cidadanía ata a marcha de Feijóo.
O líder do PPdeG foi presidente das Novas Xeracións en Pontevedra, conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, vicepresidente da Xunta… e todo a pesar de que seu pai lle recomendara non meterse en política. Ben é certo que José Antonio Rueda deu ese consello despois de pasar el polo mesmo campo da man de Alianza Popular.
Alfonso Rueda chegou a plantexarse deixar a política para estar máis próximo á súa familia, mais continuou coa súa carreira e o 14 de maio de 2022 chegou á presidencia da Xunta. Sobre a súa figura e traxectoria falamos no programa 4x07, co acompañamento de Carlos Punzón, de La Voz de Galicia, e David Lombao, de praza.gal.
Publicamos este programa no medio do que son as súas primeiras eleccións autonómicas como líder do PPdeG. Nesta precampaña o partido está potenciando a súa imaxe a través das cañas, a súa moto e a súa paixón polo deporte. Algo que é realidade, segundo David Lombao, a pesar de que “parece que é forzado”.
“Quere dar esa sensación dun galego máis, dun tipo confiable e unha persoa, como adoita dicir o PP, previsible, que non vai traer grandes alteracións”, destaca Carlos Punzón. O partido está xogando un pouco con esas dúas patas, a de trasladar a súa forma de ser natural e a de transmitir estabilidade ao elector.
A pesar de que son as primeiras coa súa figura como gran protagonista, Alfonso Rueda coñece ben o que é estar nunha campaña. Durante a conversa destacouse o seu papel na de 2009, as primeiras de Feijóo. Para David Lombao é interesante lembrar que el estivo “nesa sala de máquinas da que saían rumores”, nunha campaña bastante sucia contra o goberno do bipartito.
Sobre que destacarían da súa xestión, ambos xornalistas concordan en que nos últimos meses o modelo da Xunta estivo marcado por anuncios económicos que veñen motivados polos fondos europeos. Para David Lombao, isto fai que non coñezamos a súa postura en grandes asuntos.
Centrándonos no seu papel coa carteira de Turismo, é certo que si que ten un papel destacado no Xacobeo e no seu impulso desde aquel dobre Ano Santo. “El fixo o camiño 12 veces”, remarca Carlos Punzón, que considera que o seu equipo se encargou de ligar a imaxe de Alfonso Rueda á marca do Xacobeo. Algo lóxico tendo en conta que están a destacar constantemente as cifras record.
Podes escoitar o podcast completo en iVoox, Spotify e Apple Podcast. Pronto publicaremos o terceiro e último perfil, coa líder da oposición como protagonista. Síguenos nas nosas redes sociais e subscríbete a esta newsletter para coñecer todas as novidades!