Algunhas recomendacións culturais sobre fútbol e política
Esta semana traemos de volta unha das nosas seccións nas primeiras newsletters, 'A Recomendación', pero un pouco máis desenvolta.
Bo día!!
Para axudar un chisco a sobrelevar isto da saturación de contidos, este domingo recomendámosvos dous produtos dos que nos nutrimos para a creación e ambientación do noso último podcast, ‘O fútbol e a política’. Por unha banda, atoparemos unha serie de Netflix e, pola outra, un artigo que sae da pluma de Afonso Eiré.
The English Game (2020)
Coa ponte por diante, é boa oportunidade para botar unha ollada a The English Game, unha viaxe á historia e xerme do fútbol. O drama de Julian Fellowes, de Downton Abbey, retrata o momento xusto no que o fútbol comezou a desenvolverse de xeito profesional nun relato ambientado no Reino Unido máis industrial.
O desenvolvemento capitalista do século XIX alcanzou niveis sen precedentes, tendo como epicentro a Gran Bretaña; o lucro e o capital penetraron violentamente no armazón de relacións sociais preexistentes, dando lugar a conflitos e contradicións culturais. O mérito dos episodios da miniserie The English Game é contarlle ao espectador unha historia das repercusións do capitalismo no fútbol, ficcionando ese instante de gran importancia tanto deportiva como social.
A serie ilustra adecuadamente as contradicións do proceso de profesionalización do deporte. Con el aparecen as idolatrías, o sentimento, a paixón propios do deporte de competencia… mais tamén haberá unha fonda penetración das dinámicas capitalistas nas relacións deportivas, alterando o propio xogo, máis racional e expeditivo. Porén, o que expón claramente The English Game é a clara relación entre o fútbol e a política: dous substratos indisociables.
Adrián Vázquez
‘A memoria política do fútbol: do galeguismo ao PP pasando polo franquismo’ de Afonso Eiré na Revista Luzes
A segunda recomendación é un artigo escrito por un dos nosos entrevistados para o programa, o xornalista Afonso Eiré. Falamos dun repaso interesantísimo sobre a historia do fútbol en Galiza que afonda no seu nacemento, pero tamén en como vai mundando a súa natureza ata converterse no produto que é hoxe.
Eiré escribe sobre a relación que ten a popularización deste deporte en Galiza con dúas cuestións principais: os vínculos con Inglaterra e as necesidades da burguesía galega. Asemade, fala de como o fútbol nace como un deporte que buscaba construír país, pero -coma case todo- acaba mudando de dirección e contaminándose polas políticas da dereita. Todo isto sen obviar a importancia que ten a ditadura franquista na evolución de calquera produto social do país.
Non podemos deixar de recomendar un artigo que afonda no tema cunha gran documentación detrás. Está apoiado en citas de nomes como Jorge Valdano, Xoán Baliño ou Cristino Álvarez, por non falar de que é probable que atopes o nome do teu equipo polas súas liñas!
Carmen del Río Ferreiro
Ata aquí as nosas dúas eleccións para desfrutar do fútbol e da política noutros formatos máis aló do podcast. Mais non olvidedes escoitar o noso último programa para saber algo máis sobre o tema!
Apertas, viaxeirxs!!