Arrancamos a terceira tempada
Volvemos cargados de novidades e de información cun destino claro, o 28 de maio.
Carretando volve este 2023 cargado de novidades e cun obxectivo informativo claro, as eleccións municipais do 28 de maio. Antes de nada, anunciar que por fin temos conta de Patreon. Para nós este é un paso moi importante e necesario. O Patreon é un espazo a través do cal ti e calquera dos nosos seguidores nos pode apoiar de forma moito máis directa. Podes subscribirte dende 1,5€ ata 10€ ao mes, de modo que farías unha aportación periódica á nosa iniciativa. Queremos que Carretando se poida manter no tempo e incluso medrar, por iso abrimos Patreon coa ilusión de que nos poidas axudar a conseguilo.
Pasando aos podcast, nesta terceira tempada queremos poñerte en contexto e explicar en profundidade como chegan as sete cidades galegas aos comicios do 28 de maio. Para iso, faremos un programa por cada urbe, falando con persoas que coñezan a fondo a situación da localidade. Explicamos todo con detalle no noso programa número 0, dispoñible dende este xoves en iVoox e Spotify.
Neste podcast, cada unha das voces que forman parte de Carretando fixo a súa aposta persoal do que vai suceder nas eleccións. Para coñecer as nosas porras terás que escoitar o programa, pero queremos aproveitar a newsletter para convidarte a facer a túa propia Tier List e publicala polas redes. Lembra mencionar a nosa conta e empregar o hashtag #PorraCarretando, así poderemos ver quen acerta máis!