As primeiras mensaxes dos partidos neste 2024
Coa data das eleccións sobre a mesa, a newsletter de Carretando pasa a ser semanal para que coñezas todas as novidades dos partidos neste carreira cara o 18 de febreiro
Feliz ano subscritor/a de Carretando! Entramos no 2024 e cada día que pasa queda menos para que vaiamos votar. Por iso, queremos aproveitar este espazo para manterte informadx de todas as novidades da campaña, das mensaxes electorais e das propostas dos partidos galegos.
Como empezaron o ano os candidatos e candidatas á Xunta? Esa foto ou vídeo que soben o día un de xaneiro é moito máis importante do que pode parecer, toda unha declaración de intencións.
Os deportes son unha das actividades favoritas neste caso. O actual presidente comezou o 2024 facendo unha camiñata xunto a Mariano Rajoy, quen xa apareceu no seu vídeo de Nadal, continuando coa súa liña costumista; mentres que Besteiro optou por unha pachanga de baloncesto, un deporte que inevitablemente nos recorda a Pedro Sánchez e ao que xa retaron a través de Twitter. O socialista tamén nos sorprendeu o día 31 ensinándonos unha receita de polo para fin de ano en homenaxe ás persoas ás que lles toca cociñar nestas datas, coma el.
Ana Pontón apostou por darnos a benvida ao ano xunto á súa filla nun vídeo de Instagram, app na que a súa biografía comeza cun “nai de Icía”. Mentres, Marta Lois simplemente subiu unha foto xunto á árbore e posteriormente unha felicitación máis corporativa da marca Sumar cunha fotografía abrazada a Yolanda Díaz.
Pola súa parte, Democracia Ourensana segue dándolle pleno protagonismo a Jácome. O alcalde de Ourense recurriu ao piano ao que xa nos ten acostumados para a súa mensaxe de fin de ano e pouco ou nada sabemos do candidato Armando Ojea.
Comezan a publicarse as primeiras enquisas
Malia que xa se cumpren dúas semanas desde o momento no que o presidente Rueda confirmaba a nova que todos/as estabamos agardando, son poucas as enquisas publicadas polo momento. Con todo, esta semana puidemos coñecer dúas feitas desde fóra do país.
El Español publicaba o día de Anovello unha enquisa elaborada por Sociométrica na que se reflicte a maioría absoluta dun PP á baixa e un BNG alcista en resultados históricos. Pola súa parte, segundo esta sondaxe, os de Besteiro non acaban de despegar dos 14 asentos mentres que tanto Sumar, Vox coma Podemos non acadarían representación.
Enquisa elaborada por Sociométrica marca tendencias que xa se viñan observando. El Español
Esta semana tamén se facía público para os patróns de Electomanía o ElectoPanel das galegas. Do que está accesible para o público xeral, a enquisadora sinala unha subida por parte do PP de Alfonso Rueda e unha baixada de Sumar.
Aínda que os partidos contan con enquisas internas e tentan colocar o seu relato, o certo é que para termos tan próximo o 18F non existe moita información. Unha vez rematado o Nadal, é previsible que esta fin de semana se publiquen varias enquisas que comentaremos o próximo xoves.
Listas e candidaturas
Os partidos teñen ata mañá para presentar as súas candidaturas para o 18F, á par que xa traballan intensamente na confección das listas que deberán ter pechadas a mediados deste mes.
Aínda que na anterior entrega todo parecía indicar que habería unha candidatura unitaria da esquerda rupturista, a militancia de Podemos en Galicia rexeitou presentarse en coalición coa marca de Yolanda Díaz. As liortas madrileñas trasladáronse aquí e o espazo non soberanista á esquerda do PSOE presentarase por separado.
Con respecto á elaboración das listaxes, a última novidade que temos é a da proposta de Julio Abalde nas dos socialistas coruñeses. A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, deixou claro que haberá unha importante renovación, “porque hai moitas baixas nas listas”.
No caso do BNG, o proceso de elección pasa pola participación das asembleas que poden suxerir nomes de independentes. O partido si que presentou o seu plan económico no que lle dan especial protagonismo á transformación tecnolóxica e industrial.
Análise de datos con Marta Casais
O novo período preelectoral en Carretando trae consigo unha nova sección da man da xornalista e analista de datos, Marta Casais. Semanalmente e a través desta newsletter, Marta achegaranos ás eleccións galegas cunha mirada analítica.
Estate pendente do teu correo e das nosas redes sociais para coñecer as novidades destas semanas! Agárdannos uns días intensos e con contidos diferentes e especiais para as eleccións. Hai moitas horas detrás de cada traballo, o cal podes apoiar a través do noso Patreon. Grazas por estar!