Benvidos e benvidas a Carretando!
Nesta publicación atoparedes contidos do tema do podcast desta semana, a noticia máis destacada dos últimos días comentada por un de nós e coñeceredes un pouco mellor ós pasaxeiros da autocaravana
A FIRMA: Miguel Anxo Bastos Boubeta
Sobre a hexemonía do PP de Galicia
Dende os últimos trinta anos hai un feito evidente: o de que o Partido Popular galego (que como tal apareceu en 1990) foi sempre, salvo unha elección en 2019, o partido máis votado en Galiza en todas as eleccións celebradas, sexan estas locais, autonómicas, estatais ou europeas. Esta hexemonía pode deberse a varios factores. O primeiro é, como non, a idiosincrasia eleitoral do pobo galego, que xa dende a transición votou case sempre maioritariamente a forzas electorais conservadoras, sexan estas a UCD, AP, CDS ou Coalición Galega ou recentemente Ciudadanos. Entendendo por isto que a suma destas opcións que obtiveron representación foi case sempre maioritaria. O certo é que, segundo as enquisas de opinión, o eleitorado galego situouse sempre un pouco máis virado á dereita que o resto de España, aínda que non muito. Isto é normal en toda Europa nos territorios de base social agraria e, aínda que hoxe nosa comunidade non o sexa, a inercia pode pervivir.
Pero aparte disto hai dous factores máis a salientar. O primeiro é a propia organización do Partido Popular. Manuel Fraga foi quen de xuntar nunha soa forza electoral a todas as forzas de centro e dereita, nacionalistas e españolistas, e polo tanto case que non hai fugas de votos a outros partidose os votos de centro e dereita transfórmanse en escanos. Ademais, a propia estrutura do partido axuda, pois é un partido deseñado internamente con criterios electorais, baseando a súa organización nas respectivas circunscricións electorais; de aí a forza que teñen as organizacións provinciais do partido á hora de afrontar as eleccións. Tamén contan cunha poderosa maquinaria electoral en cada unha das provincias e unha excelente penetración do territorio. O segundo factor: os bos resultados que obteñen nas elección galegas, invariabelmente gañadoras con independencia de gobernar ou non, son axudados por un sistema electoral que prima as provincias máis conservadoras, Lugo e Ourense, e por unha barreira electoral que disuade as pequenas formacións da confrontación electoral. Todo isto sumado pode explicar os seus magníficos resultados.
Sabías que…
Realmente só houbo tres presidentes da Xunta baixo as siglas de AP/PPdeG: Xerardo Fernández Albor, Manuel Fraga Iribarne e Alberto Núñez Feijóo. Porén, xuntos suman 33 anos de goberno do partido conservador.
A RECOMENDACIÓN: Marsella
A nosa primeira recomendación é unha serie que nunca terminou de callar en Francia. Non obstante, é o producto audiovisual perfecto para comezar a comprender a temática da que versará o noso primeiro podcast: A hexomonía política. A serie presenta unha trama moi interesante de corrupción política e das complicadas relacións entre distintos colectivos dentro da cidade francesa. A historia está chea de metáforas, sutilezas, xiros ideolóxicos dos políticos, e accións inesperadas de líderes que se deixan levar por paixóns persoais para perpetuarse no poder. E se Marsella é, en realidade, unha obra mestra incomprendida? Dispoñible en: Netflix
A NOTICIA DA SEMANA: Os gobernos de Madrid e Murcia
Julio Iglesias Fernández
O pasado 10 de marzo, o equipo de Carretando estaba tomando unha tapa de tortilla e uns albariños na zona vella de Compostela cando saltaba a noticia de que PSOE e Ciudadanos presentaban na Asamblea Rexional de Murcia unha moción de censura contra o goberno da Rexión. Os dous partidos suman maioría absoluta en escanos e están a poucos días de desbancar ó popular López Miras da presidencia murciana (presidida ininterrumpidamente polo PP dende 1995). Este feito desatou unha tormenta política que percorreu todo o Estado español nun intre, desembocando nun adianto eleitoral en Madrid (se as mocións de Más Madrid e PSOE o permiten) e noutra moción de censura presentada polo PSOE nas Cortes de Castela e León. Esta última, se non ocorre ningún sobresalto, está condenada a fracasar.
O polvorín formouse, como non podía ser doutra maneira, na comunidade madrileña. Ante unha inminente moción de censura que puxese en peligro o seu goberno, Díaz Ayuso procedeu a disolver a Asamblea de Madrid e convocar eleccións para o vindeiro 4 de maio. Posteriormente, Más Madrid e PSOE rexistraron sendas mocións de censura perante a Mesa da Asamblea de Madrid. O lío xa estaba montado, e espérase unha batalla xudicial para determinar que argumento prevalece, o adianto electoral ou as mocións de censura.
Deixando de lado as disputas xudiciais e poñendo o ollo na política, o papel que pode xogar Ciudadanos é vital no caso que sexa rexeitado o adianto electoral. Ó contrario que lle ocorre a nivel nacional e despois do batacazo en Catalunya, a formación laranxa é crucial para que algunha das mocións triunfe. Para acadar os 67 deputados necesarios para a maioría absoluta, Ciudadanos preséntase vital á hora de xogar cos números. Son necesarios polo menos 3 dos 26 diputados que agora mesmo ten. Porén, a papeleta que ten que xogar o partido de Arrimadas é moi complicada, xa que para rachar con Ayuso ten que prestarlle apoio á esquerda (coa que mantivo fortes enfrentamentos anteriormente), xa sexa á candidatura socialista (Ángel Gabilondo) ou a Más Madrid (Mónica García).
En definitiva, a batalla xudicial decidirá se haberá adianto electoral ou non. De non habelo, o papel de Ciudadanos resultará crucial para que se produza un cambio de Goberno na Comunidade de Madrid logo de 26 anos de mandato do PP.
Deixando de lado a verbena que hai montada en Madrid, o que acotence na Rexión de Murcia non lle ten nada que envidiar ó circo madrileño. Un día despois do anuncio da moción de censura presentada polo PSOE e C´s, o presidente López Miras daba unha rolda de prensa na que comparecía co seu Executivo e cos tres deputados naranxas que ían desmarcarse do seu partido para votar en contra da moción. Esta última xogada realizada polo PP, coa cabeza “pensante” de Teodoro García Egea como principal resposable, non é se non a última mostra evidente do modus operandi tan pauepérrimo en termos democráticos que exerce o Partido Popular. O peor desta situación, é que publicitan estas corruptelas con orgullo expresando que non lles importa que se coñeza a súa forma de facer política, sabedores da inmunidade da que gozan. Inmunidade que se fai moito máis palpable e evidente cando se trata da Rexión de Murcia, a cal consideran o seu cortixo e coto privado de caza.
Non imos entrar en se cómpre rematar coa disciplina de voto, pero non se pode encher a boca esbarlladando sobre a liberdade dos deputados para votar cando estamos a falar de corrupción política e modos de actuar máis parecidos ós dunha mafia que ós de un partido político. Os tres deputados comprados polo PP, máis un cuarto (por se acaso) pasarán de ser unicamente deputados a formar parte do goberno murciano, vendo exponencialmente aumentadas as súas retribucións públicas.
O PP logrou o que se propuxo, manterse no poder a toda costa, sen importar os medios para conseguir o fins. Pode ser que comprar deputados non sexa ilegal, como tampouco o é saltarse as listas de vacinación, pero feitos coma estes determinan que ese partido que quere cambiar de sede está baixando un tobogán cunha pendente moi pronunciada cara a dexeneración democrática, aínda que non estou seguro se algunha vez quixo saír de aí.