Besteiro: ascenso, caída e resurrección
Comezamos a nosa rolda de podcasts dedicados ás eleccións galegas de 2024 co perfil do candidato do PSdeG e un dos nomes destacados deste ano
Hai xusto unha semana que presentamos en profundidade a José Ramón Gómez Besteiro, o candidato do PSdeG para as eleccións galegas de 2024. A súa traxectoria política comezou hai décadas e semellaba que podía chegar ao máis alto xa daquelas, pero pouco despois de ser escollido como líder do partido, o socialista foi citado por Pilar de Lara por un par de imputacións que o levaron a dimitir en marzo de 2016.
O lugués chegou a verse envolto en dez imputacións que quedarían todas arquivadas hai aproximadamente un ano. Isto só podía significar unha cousa, pois como ben apuntou José Manuel Lage, “cando tes a Messi, hai que poñelo a xogar”. A realidade é que desde que Besteiro tivo que abandoar o partido, o PSdeG pasou uns anos de inestabilidade, chegando a situarse como terceira forza nos dous últimos mandatos.
Agora a formación ten de novo un líder en maiúsculas que ademais está apoiado por Pedro Sánchez, quen lle está a dar protagonismo tanto a el como aos comicios galegos. Pero, por que é Besteiro tan bo candidato? Diso falamos no último podcast xunto á analista política, Cristina P. Marcote, e o xornalista de La Voz de Galicia, Manuel Varela.
A modo de spoiler, podemos dicir que o último apunta a que Besteiro é “a gran esperanza do PSdeG este ano” e “o mellor candidato que teñen”. Mentres, Cristina sinala que o socialista “retoma agora o que deixou atrás” e que ten en mente gañar a Xunta de Galicia. Se queres coñecer cada detalle da vida do candidato, podes escoitar o programa en iVoox, Spotify e Apple Podcast.
Dous artigos que engaden contexto
O proceso xudicial no que se viu envolto Besteiro durou máis de seis anos. Para nós era imposible tratar este tema moi a fondo no podcast sen que o programa durase horas e horas. Por iso, o primeiro artigo que recomendamos hoxe está centrado neste episodio da vida do socialista.
As torres do Garañón teñen un papel destacado na historia do urbanismo lucense e tamén de Besteiro, pois foi a causa pola que o imputaron. No artigo publicado en El Progreso, Carmen Uz conta a traxectoria do proxecto, que rematou no pasado agosto “grazas á batalla que iniciaron os veciños da contorna”. No texto fálase de presión aos denunciantes, de prevaricación urbanística e do papel de Lara Méndez na demolición.
Tamén queríamos recomendar un perfil en texto. Neste caso, Daniel Salgado titula o seu artigo como “Besteiro, a resurrección xudicial do socialista que a dirección do PSOE ve na pugna pola Xunta da era pos-Feijóo”.
Interésanos este en concreto porque, aparte de repasar a traxectoria do socialista, inclúe moitas declaracións doutros membros do partido. De feito, o xornalista falou con Xosé Clemente López Orozco, o socialista que embarcou a Besteiro na súa traxectoria política. O que fora profesor do candidato fala para elDiario.es sobre o proceso xudicial, pero tamén dos seus puntos fortes.
Diario de precampaña
Ao longo desta semana a nova máis destacada protagonizouna o BNG polo acto realizado o pasado sábado para presentar a candidatura de Ana Pontón á presidencia da Xunta. ‘É agora, Ana Pontón presidenta’ foi o lema que enmarcou unha velada na que quixeron deixar claro que teñen a oportunidade de gobernar. “Síntome máis preparada que nunca para ser a presidenta e poñer en marcha o mellor goberno de tódolos tempos”, apuntou a líder nacionalista na súa intervención.
Mentres, tanto o PPdeG como o PSdeG estiveron presentes nos actos en conmemoración aos 45 anos da Constitución. Alfonso Rueda participou no evento realizado no Congreso dos Deputados no que reclamou a convocatoria dunha nova Conferencia de Presidentes. O presidente da Xunta resaltou que o modelo do 78 está “baseado na igualdade” entre territorios, pero que “se rompe cando empezan as negociacións bilaterales”.
Ao mesmo tempo, Besteiro aproveitou o día para reivindicar unha reforma do Estatuto de Autonomía e “avanzar no autogoberno” na próxima lexislatura. Apuntou a que o texto debe adaptarse, medrar e pensar na nova Galiza con novas competencias.
Como non podía ser doutra maneira, a actualidade estatal tamén está presente esta semana. O pasado martes coñecimos a ruptura definitiva entre Podemos e Sumar, pois os cinco deputados da formación morada anunciaron que se pasaban ao Grupo Mixto. O portavoz de Sumar en Galiza, Paulo Carlos López, quixo calmar os ánimos a través dun chío no que afirmou:
“Galicia é Galicia. Existe un ben superior: xerar unha alternativa ao goberno do PP. En sumargalicia collen todas as persoas progresistas, feministas e ecoloxistas que pensen en chave galega. Portas abertas e man tendida ao diálogo. Non queremos ruído, queremos facer política!
Veremos que acontece e se hai novidades para a próxima newsletter. Moitas grazas por lernos! Lembra que podes apoiar o noso proxecto a través de Patreon, onde publicamos contido exclusivo e incluso deixamos que os nosos e as nosas mecenas escollan o tema do próximo podcast.