BNG e PSOE firman un acordo de investidura que nos fai mirar ás eleccións galegas
O pacto acadado entre ambas forzas déixanos unha foto chave que mostra por primeira vez a alternativa que hai en Galiza a un goberno do PPdeG
O acordo de investidura entre o PSOE e o BNG semella un tema de pura actualidade, deses que están entre os medios galegos e estatais un par de días e do que non se volve a falar ata o final da lexislatura. Porén, en Carretando quixemos darlle a este pacto unha perspectiva máis ampla e que atendese ás próximas eleccións autonómicas.
Esta mirada non é algo casual, pois a propia foto do acto xa foi unha declaración de intencións. Era a primeira vez que viamos a Ana Pontón e a Gómez Besteiro no mesmo plano e mostrando algo común, un acordo que, en palabras do líder dos socialistas galegos, “non é necesario para a investidura, pero si para Galicia”.
Polo seu lado, a nacionalista fala de que vai permitir avanzar en “temas importantes” como o ferrocarril, a mellora das pensións ou a creación de máis xulgados de violencia de xénero. Con todo, unha das maiores críticas que soou tras o pacto son as semellanzas que ten co da anterior lexislatura. Esta cuestión non veu só desde a oposición e a sociedade galega, tamén dun BNG que lle reprochou ao PSOE non ter cumprido con parte do acordado.
Neste podcast tivemos o pracer de conversar co xornalista Luís Pardo, quen publicou unha peza sobre este pacto en eldiario.es na que apuntaba á idea de que os socialistas están a pór esforzos nas eleccións galegas. El destaca que tradicionalmente este tipo de acordos sempre beneficiaron mais ao Bloque, pero desta vez cre que o PSOE “está traballando moito para rentabilizalo”, especialmente Gómez Besteiro. “Se ti queres ter o mérito disto, tamén tes que ter a responsabilidade de cumprilo”, apuntou Pardo nunha reflexión sobre se esta vez sairán adiante as medidas.
Sobre se o PPdeG está debilitado, o xornalista ve complicado falar nestes termos cando aínda ten que botar a andar toda a “maquinaria” do partido. Porén, Pardo destaca que agora os populares e especialmente Rueda teñen en fronte a dous políticos que demostran que van con todo e que teñen capacidade de liderar, como son Pontón e Besteiro.
Outra cuestión que destacou o noso convidado é o feito de que a unidade entre as dúas forzas de esquerdas non se amosou nalgúns concellos durante as municipais, como sucedeu en Santiago, onde o PSdeG local non entrou no goberno de Goretti Sanmartín. Se queres escoitar a conversa completa, tes dispoñible o podcast en iVoox, Spotify e Apple Podcast.
Unhas recomendacións marcadas pola actualidade estatal
Estamos todas e todos un pouco fartos de escoitar falar sobre a investidura, pero é inevitable. Estes días saíron novas e acordos que marcarán os próximos anos da política española e da nosa vida en xeral. Por iso, traemos varias recomendacións para darlle un repaso máis en frío, cun pouco de marxe, a todas as novidades.
Xa que na newsletter de hoxe falamos sobre elDiario.es, temos que traer a esta pequena sección o podcast de Juanlu Sánchez, Un tema al día. O seu formato de audio dixital é perfecto para repasar de maneira rápida, pero con análise, as novidades en política. Nas últimas publicacións repasou os acontecementos que nos acompañaron nos 171 días que pasaron desde que Pedro Sánchez anunciaba a convocatoria electoral e tamén presentou os perfís dos novos ministros e ministras.
Se prefires apostar por formatos máis longos, en Simple Política dedicaron unha hora de programa a falar sobre os momentos máis destacados da investidura. Ademais, trataron a fondo outras cuestións como o proxecto de Lei de amnistía e debatiron sobre se a lexislatura chegará aos catro anos.
Pasando ao formato texto, son moitas as pezas que explican o novo Executivo. Hoxe traemos dúas recomendacións. Por un lado, unha publicación de RTVE onde tes vídeo, texto e unha infografía para coñecer todos os rostros e os seus postos. Polo outro, unha peza de El País onde recollen os perfís dos ministros e ministras, os novos e tamén os máis coñecidos que ocupan o núcleo duro do Goberno. Neste caso podes acceder ao resumo de cada un deles ou continuar lendo a súa biografía a través de enlaces que levan a pezas máis amplas.
Caderno de precampaña
En Carretando non deixamos que toda a nosa axenda se vexa condicionada pola estatal. A política galega segue o seu rumbo e os orzamentos comezaron a súa tramitación parlamentaria este mesmo luns. O PPdeG presentou unhas contas cunha subida do 5% no teito de gasto, rebaixas fiscais e bonos como o xa anunciado para as persoas dependentes. A oposición criticou especialmente estas dúas últimas medidas, sinalando que parecen estar enfocadas ás eleccións autonómicas e non a melloras reais.
Entrando na precampaña, Alfonso Rueda está de ruta polos concellos galegos baixo o lema ‘Galicia non para!’. Faino cun foodtruck que aparca nas rúas das localidades para que a xente se achege a tomar unha cervexa (sen alcohol) e aproximarse así á cidadanía. Isto foi algo que non puido facer en Castro Caldelas, localidade que repetirá eleccións o próximo domingo 26, porque lle denegaron o permiso de ocupación de vía por consideralo electoralista, xa que se acordou non realizar campaña para os comicios.
Mentres, Besteiro segue posicionándose como candidato e deu a casualidade de que lle tocou a el dar o primeiro ‘si’ á investidura de Pedro Sánchez. Ademais, os socialistas galegos anunciaron que crearán unha convención autonómica aberta a toda a cidadanía e enmarcada no seu proceso de escoita os días 16 e 17 de decembro.
Como era de esperar, a candidatura de Ana Pontón á presidencia de Galiza foi avalada polo 99,18% da militancia do BNG. Á parte, o partido presentou ao seu consello asesor, que ten entre os seus obxectivos “elaborar un ambicioso programa de transformacións económicas”, en palabras da súa líder. Entre as persoas que o conforman destacan os nomes dos exconselleiros do bipartito Teresa Táboas e Fernández Canal.
Por outra banda, Democracia Ourensá deu a coñecer ao seu candidato, Armando Ojea, tenente alcalde de Ourense e número dous de Gonzalo Pérez Jácome. Para coñecelo mellor, recomendámosvos este programa no que os de OU ké falaron a fondo do seu perfil.
Polo de agora, Sumar non descubriu cal será a cara do partido en Galicia, aínda que xusto o mércores confirmaron cal será a súa voz. O politólogo e xornalista Paulo Carlos López é o escollido como portavoz da formación, que xa fixo o trámite de rexistrarse. O profesor da USC, con pasado no BNG e en Compromiso por Galicia, destacou que “nunca renunciarán á unidade” nunha carta dirixida á militancia.
Ata aquí unha newsletter chea de novidades a nivel galego e estatal. Lémonos pronto e escoitámonos nunha semana. Como sempre, lembrarche que se queres apoiar o noso proxecto pódelo facer a través de Patreon, onde colgamos contido exclusivo para os e as mecenas!