Cara onde debe camiñar a mobilidade de Galiza?
Abordamos un dos temas máis relevantes do noso tempo e estreamos nova seccion, 'Diario de precampaña'
A mobilidade é unha das cuestións que máis espazo ocupa na axenda galega e un tema que está presente no noso día a día, nas nosas rutinas. Nos últimos anos houbo importantes cambios nas cidades galegas a través da peonalización e por fin se conectou o noso país con Madrid a través da alta velocidade. Porén, hai moitas outras demandas sobre a mesa que aínda non teñen unha solución.
No noso último programa, o xeógrafo Miguel Pazos contounos cando comezamos a ter un debate sobre a mobilidade e cales foron os temas que o ocuparon. O profesor destaca o nacemento das autovías na década dos 90; a aparición das liñas aéreas de baixo custo no cambio de século; e a demanda das liñas de alta velocidade, moi centrada en Madrid. No podcast final non puidemos incluír toda a conversa, pero tédela completa no noso Patreon.
Afondamos algo máis nos temas co doutor en Xeografía e investigador en mobilidade e transporte sustentable, Mateo V. Cornado. Con el debullamos os elementos máis relevantes que compoñen o xeito no que se move o noso país, centrándonos máis na actualidade e intentando descubrir cales son as vías de mellora.
Mateo V. Cornado apunta á gobernanza como un dos grandes problemas para avanzar en materia de mobilidade. O conflicto entre administracións ou simplemente a falta de sentar a falar sobre certas melloras supón trabas para cuestións que semellan sinxelas, como incluír os concellos periféricos ás cidades dentro da rede de autobuses urbanos. Na entrevista, o investigador apunta a problemas concretos, posibles solucións e incluso países referentes no ámbito da mobilidade.
Centrándonos no transporte
No noso podcast afondamos no modelo de mobilidade galego. Para ir un pouco máis alá e falar de cousas concretas á par que globais, traemos coma sempre varias recomendacións.
O programa 2050: Construye tu futuro é unha iniciativa da Oficina nacional de prospectiva e estratexia que consiste nunha serie de podcasts que tratan os temas que preocupan aos españois. Un deles está centrando nos coches, no seu pasado, presente e futuro e en como construímos as nosas cidades e noso modo de vida en base a eles.
No episodio apuntan a que a calidade do aire é unha característica do desenvolvemento cultural dunha sociedade, relacionándoo con cuestións como o balance de xénero, a sanidade ou a conciliación. Ao longo destes 26 minutos vemos como hai temas dispares que están conectados coa forma na que nos movemos.
Rematan imaxinando como será a nosa mobilidade en 2050. Facendo un spoiler, está claro que haberá coches, pero hai que destacar que eles son bastante optimistas no que ao modelo se refire.
O protagonista da nosa segunda recomendación “odia os coches”, así que seguro que el estaría encantado de que a resposta ao título do podcast fose un non rotundo. Moises Pombo, ou YoEnBici, fala de ciclismo e de mobilidade urbana na súa canle de YouTube. A través da súa experiencia como usuario podemos ver se as cidades están adaptadas e se son seguras para este medio de transporte.
Na canle tamén ofrece consellos para o uso da bicicleta, opinión sobre os distintos carrís bici ou recomendacións para a utilización dos servizos públicos de empréstito de bicicletas. Se tes interese en como se ve a vida en dúas rodas, non podes perderte o seu contido.
Caderno de precampaña
Todo apunta a que as eleccións galegas están a piques de convocárense, aínda que como moi tarde terán que ser no verán do próximo ano. Por iso, e para que non vos perdades nada da actualidade política galega, imos deixarvos quincenalmente un repaso das principais novidades dos partidos no camiño cara os comicios, os máis abertos e interesantes dos últimos anos.
José Ramón Gómez Besteiro, María Jesús Montero, Ana Pontón e Néstor Rego mostran o seu acordo. Fonte: PSdeG
Polo momento todo xira en clave estatal por mor da investidura de Pedro Sánchez e as negociacións que está a levar a cabo para conseguir os votos necesarios para a maioría absoluta. Amnistía, condonación, acordos, concentracións… son algúns dos termos chave destes días tamén no noso país.
O PP galego amosa a súa disconformidade coa amnistía e a quita da débeda e emprega as ferramentas das que dispón para deixalo patente. O venres realizaba unha declaración institucional na que apuntaba a que a condonación da débeda a Catalunya “costará 400 euros” a cada galego e galega. Ademais, esta fin de semana unirase ás mobilizacións convocadas polo partido a nivel estatal e realizará concentracións nas catro capitais de provincia.
Mentres, BNG e PSdeG aproveitan as negociacións da investidura para amosar a súa sintonía de cara a un posible cambio de goberno na Xunta. A medida máis destacada do acordo é a creación, durante esta lexislautura, dun servizo de cercanías ferroviarias, unha demanda da que xustamente falamos neste último podcast. Á parte, acordaron unha condonación da débeda semellante á de Catalunya, a creación de cinco novos xulgados de violencia de xénero e novas rebaixas nas peaxes.
Por último, os novos actores que aparecen nestas eleccións parecen ir un pouco máis amodo. Sumar non amosa moita actividade en Galiza, pero xa se deslizou a posibilidade de que Martiño Noriega formase parte da dirección do partido aquí. Mentres, Democracia Ourensá presentarase baixo esta marca na que queren incluír a candidatos independentes da provincia.
Agárdannos meses de moita actividade política en Galiza e en Carretando estaremos máis pendentes que nunca de todo o que pasa. Son as nosas primeiras eleccións autonómicas desde que naceu este proxecto e temos moitas ideas para os nosos espazos. Se queres apoiarnos nestes meses intensos, xa sabes que o podes facer a través de Patreon! Grazas por estar 🫶