Carretando atopa Praza para o 18F
Nesta semana as novidades da precampaña seguiron multiplicándose, pero tamén as novas no noso proxecto que empeza a traspasar fronteiras
O pasado sábado praza.gal publicaba na súa páxina o podcast 4x07 de Carretando, ‘Rueda: o perfil técnico que chegou a ser presidente’. Anunciaron así unha das novidades do noso proxecto de cara a este 18F: Carretando en Praza. Non podemos estar máis contentxs de ter o noso espazo nun xornal que admiramos tanto.
Nesta sección tiñan que estar os datos de Marta que publicamos o martes pasado. Agora podes atopar unha peza única cos mapas das sete cidades galegas nos que se compara o abstencionismo coa renda media e o nivel de estudos. Asemade, os compañeiros de praza.gal xa falaran que a esquerda precisa activar o voto urbano para acadar un cambio na Xunta nun artigo moi completo.
Mapas da abstención urbana nas galegas de 2020 e papeletas daqueles comicios CC-BY-NC-SA Carretando / Praza.gal
Estate pendente ao noso Twitter e ao de praza.gal para ver todas as pezas que se van publicar nesta sección de Carretando en Praza!
Diario de precampaña
Faltan menos de dúas semanas para o ansiado debate electoral organizado pola CRTVG para o 5 de febreiro. Este luns coñecimos ás formacións convidadas pola televisión pública galega: PPdeG, BNG, PSdeG, Sumar e Podemos.
Pronto saltaron as alarmas porque quedaron fóra da parrilla tanto Democracia Ourensana (DO) como Vox, dúas forzas que se presentan dentro do espazo da dereita xunto aos populares. Sorprendeu especialmente o caso da formación liderada por Gonzalo Pérez Jácome, pois hai enquisas que lle auguran representación de cara ás eleccións galegas, algo que non pasa con Podemos. O alcalde de Ourense xa anunciou que DO vai denunciar o plan do debate ante a Xunta electoral.
Para a CRTVG as cinco formacións escollidas son as “máis representativas” e “significativas” do territorio galego , algo que xustifica a través dos criterios avalados pola Junta Electoral de Galicia nun acordo e tras unha consulta realizada por RTVE. Este mesmo martes todos os partidos convidados aceptaron acudir á cita.
A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, dixo que a formación acudirá a todos os debates, aínda que non confirmou se será Alfonso Rueda o que vaia ao debate a tres proposto por TVE. Por outro lado, o coordinador de campaña do BNG, Rubén Cela, incidiu na idea de que haxa outro debate da CRTVG na segunda semana de campaña, amais dun cara a cara entre Pontón e Rueda.
Outra nova destacada da semana é que a Junta Electoral Central acordou ampliar ata o xoves, 15 de febreiro o prazo para depositar o voto por correo para as eleccións autonómicas. Isto débese a que as datas cadran co entroido, sendo os días 12 e 13 festivos locais en algunhas zonas de Galiza e España.
A crise dos pellets chega ás rúas de Santiago
O pasado domingo tivo lugar a manifestación “en defensa do futuro do mar” respaldada por colectivos do sector, ecoloxistas, sindicatos e os partidos galegos de esquerda, incluso co apoio dalgún rostro da política estatal. A marcha rematou na praza do Obradoiro, a cal tardou máis dunha hora en escoitar un manifesto que agardaba a que chegara toda a xente.
No manifesto destacouse que a cidadanía é a que ten que facer fronte aos problemas do mar, “sen medios e sen contedores”. “Os nosos gobernantes estanse confundindo. Antes que tomar medidas prefiren ocultar, mentir, negar. Como se fósemos tan ignorantes como eles”, apuntou unha representante do mar desde o escenario.
Segundo a Policía Local, a participación nesta manifestación foi dunhas 15.000 persoas. Entre todas elas destacaron os dous esqueletos como forma de protesta e sobre todo unha ausencia: a do PPdeG.
Nese mesmo momento o partido estaba a celebrar a Interparlamentaria popular en Ourense coa participación de Alfonso Rueda e Alberto Núñez Feijóo. O presidente da Xunta insiste na idea de que o discurso das formacións de esquerdas con respecto á criste dos ‘pellets’ fai “dano” ao sector pesqueiro e que o que querían os partidos da oposición era sacarlle rédito á manifestación.
Os socialistas tamén tiveron un fin de semana completo, pois celebraron a convención do PSOE na Coruña á que acudiron José Luis Rodríguez Zapatero, María Jesús Montero e Pedro Sánchez, entre outros. “Cando falamos de crise, como é a dos pellets en Galicia, se o PP está á fronte dos gobernos que teñen que xestionar esas crises, sempre lles ocorre a lei de Murphy: cando hai unha mala situación, é susceptible de verse agravada”, apuntou o presidente de España na súa intervención.
Ata aquí a newsletter desta semana, o próximo martes máis novidades! Para enterarte de toda a nosa actualidade podes seguirnos en Twitter e Instagram. Grazas por estar 💗