Chegou o fin de tempada!
Aparcamos polo verán a autocaravana tras oito programas sobre todo tipo de temas: dende o dominio do Xacobeo ou o perfil de Abel Caballero á celebración do noso aniversario.
Coa chegada do verán despedimos unha segunda tempada intensa e chea de novidades. A celebración do noso primeiro aniversario e a estrea da nosa páxina web foron os momentos máis especiais dun ano que quixemos pechar seguindo unha das máximas do proxecto: a colaboración. Neste 2x08 as compañeiras de Castañas no verán subiron á nosa autocaravana para reflexionar e analizar dende o social varios temas que tratamos en podcasts anteriores.
O programa divídese en dous. Neste caso, somos nós quen nos pasamos polo seu programa para falar de problemas sociais dende un punto de vista político. Reflexionamos sobre cuestións como o odio LGTBI, o coeficiente redutor das traballadoras do mar e a situación laboral da mocidade. Ademais, rematamos facendo unhas recomendacións culturais perfectas para aprender e entreterse durante as vacacións.
Nós quedamos encantados coa nosa primeira colaboración entre podcasts. Seguro que non é a última, nin o último traballo coas compañeiras de Castañas no verán.
Aproveitamos para contarvos por aquí tamén que estamos vendendo as cuncas de Carretando! Almorza con Fraga, Pontón ou Touriño (hai para todos os gustos). Se queres unha só tes que cubrir este formulario. Daniel Castro e Yolanda Díaz xa teñen a súa!
Carretando despídese por uns meses, pero pronto volvemos ás estradas para debater, analizar e contar moitas máis historias. Seguiremos na procura dun xornalismo o máis lento e interpretativo posíbel. Grazas, coma sempre, por acompañarmos durante as nosas viaxes. Bo verán!!