Estreamos web!
Xa vos advertiramos que co aniversario chegarían sorpresas e non nos pode facer máis ilusión presentarvos o noso novo espazo www.carretando.com
Carretando cumpriu un ano e pareceunos o momento perfecto para presentarche a nosa nova páxina web, carretando.com. O noso podcast está medrando para converterse nun pequeno espazo no que seguir falando sobre o que máis nos gusta, a política galega. Nel unimos o texto co audio, ampliamos as miras sobre algún dos temas xa tratados nos nosos programas e falamos sobre cuestións novas.
O sitio web é un espazo que queremos compartir cos nosos seguidores en todolos sentidos. Falamos dun medio no que publicaremos pezas que podes visitar en calquera momento, pero tamén dun lugar no que ti podes publicar. Carretando consiste nun espazo aberto e participativo no que calquera ten a posibilidade de reflexionar sobre política dende a súa visión e estilo. Tes as portas da nosa autocaravana abertas!
Le a nosa editorial: Medrar amodo, medrar ben
Feijóo surfeará nas excelsas augas madrileñas
Román Varela escribe neste artigo sobre o que agarda do, polo momento, presidente da Xunta na súa nova aventura en Madrid. Feijóo está ante o reto de recompor o Partido Popular e formar un proxecto que contente a todos os simpatizantes. O noso colega ten bastante claro que “o político CEO vai triunfar en Madrid”. Agora toca observar e esperar.
Alberto Núñez Feijóo e o bloque histórico dos anos vinte
A clausura do XX Congreso do PP proclamou oficialmente a Feijóo como líder do partido. Adrián Vázquez pregúntase nesta tribuna que posición política tomará o galego ante a crise orgánica na que está o Estado. É certo que o popular é a persoa perfecta para vacilar entre o si e o non a Vox, pero as exixencias son maiores.
Un ano Carretando (2X06)
Tamén publicamos novo podcast! No último programa falamos sobre Carretando. Como comezou o proxecto, que esperábamos del ou cal é o noso podcast favorito son algunhas das cuestións que respondemos os integrantes desta caravana. Toma algo connosco e descubre todo sobre o noso pequeno espazo.
Grazas por acompañarnos neste camiño e vernos medrar nel. Non esquezas pasar polas nosas redes. Estamos activos por Twitter, Facebook, Instagram e tamén por TikTok!