Iniciamos o camiño cara as autonómicas
Bota a andar unha nova tempada que volverá estar marcada por uns comicios e na que abordaremos os grandes temas e retos do país
A semana pasada publicamos o programa de presentación desta cuarta tempada. Catro xa! O tempo pasa demasiado rápido na nosa autocaravana. Nesta nova edición pasamos dunhas eleccións a outras.
Este curso 2022 / 2023 estará marcado polos comicios autonómicos. A nós o que nos atinxe agora é tratar os temas estruturais de Galiza, os que ocupan ou semella que van ocupar a axenda este ano e os que nos preocupan a nós. Turismo, reto demográfico, industrialización… son innumerables as cuestións das que poderiamos falar.
Cada 15 días terás dispoñible en iVoox, Spotify e Apple Podcast un episodio sobre algunha destas cuestións. Tamén mantemos a rutina habitual das newsletters, así que chegará unha ao teu correo a semana que non publiquemos podcast. Como sempre, o xoves, a non ser que sexas mecenas que tes acceso anticipado aos nosos programas!
Onde si traemos máis novidades é no noso Patreon. Queremos ir un paso máis aló dentro desta plataforma e aproximarnos un pouco máis aos nosos e ás nosas mecenas. Nesta tempada faremos enquisas sobre temas ou posibles convidados e ademais subiremos algún contido extra. Crearemos pezas de audio dixital cunha recomendación cultural relacionada co tema a tratar no podcast desa semana e artigos breves sobre algunha curiosidade da política galega.
Como chegan os partidos?
En política parece que hai novidades a todas horas. Aquí van algunhas cuestións que non tratamos ou que ampliamos con respecto ao podcast.
Un tema que xerou debate no programa foi o do discurso actual do PPdeG. Ao día seguinte de que realizásemos a gravación, o xornalista de elDiario.es Daniel Salgado publicou o artigo “El PP de Galicia ya no existe”: cómo el partido de Fraga es hoy una sucursal de Madrid. Nel explica o cambio de rumbo da formación, o cal comeza a vislumbrarse coa chegada de Núñez Feijóo á presidencia da Xunta e coas súas políticas en materia lingüística. Aí empezou a deixarse un pouco de lado a discursiva galeguista para aproximarse máis ás posturas do partido a nivel estatal.
Esta deriva segue vixente hoxe, coa votación negativa dos populares (tamén os galegos) ao uso da nosa lingua no Congreso dos Deputados. Mentres, en representación do PSdeG, Gómez Besteiro foi o primeiro en pronunciar o galego na cámara o día da votación. A súa intervención apareceu en todos os medios, pois provocou que a bancada da extrema dereita se levantase, deixase os pinganillos no sitio de Pedro Sánchez e abandonase o hemiciclo.
Por outra banda, o BNG protagonizou outro dos momentos destacados do pleno. O seu representante no Congreso, Néstor Rego, salientou o feito de que o líder dos populares non empregase o auricular para ter a tradución das intervencións.
O señor Núñez non utilizou auricular en ningún momento. Entendo que non o fixese co galego, tamén entendo que non o fixese co catalán, mais vin que tampouco o fixo co euskera. Alégrome moito de que tivese tempo de aprender euskera, mesmo antes de aprender inglés.
Como sinalamos no podcast, os nacionalismos están ocupando parte da axenda na actualidade e parece que marcarán un espazo do debate político nos próximos meses. Non pode ser menos en Galiza, así que veremos como se posicionan tanto o PSdeG como o PPdeG de cara aos comicios autonómicos, cun BNG que pode saír reforzado.
A nosa viaxe comeza… falando de viaxes
O primeiro tema que imos tratar nesta tempada é o do turismo. Unha cuestión que está moi presente no debate galego, coa taxa turística ou a masificación dalgunhas zonas do territorio. Está claro que neste programa falamos de Santiago, pero queremos ir un pouco máis aló e falar do tema cunha perspectiva galega máis ampla. Trátase dun tema candente en todo o mundo e especialmente en Europa, onde conceptos como a sustentabilidade ou a circularidade están á orde do día.
Como adiantamos, hai novidades no noso Patreon que estrearemos moi pronto. Se queres apoiar o noso proxecto e ter acceso a contidos adicionais, faite mecenas! Grazas por estar aí 😊