Lugo: o liderado pola coalición Méndez-Arroxo e o paracaidismo de Candia
A cidade romana chega ao 28M con dúas opcións diferenciadas de goberno
Por mor das vacacións da Semana Santa, o episodio 3x05 de Lugo publícase hoxe en aberto. Debullamos o contexto electoral da cidade romana cara o 28M coa participación das xornalistas luguesas Jessica Fernández, de LugoXa, e David Lombao, de Praza.gal.
Co goberno de coalición do PSdeG e BNG competindo por reivindicar os logros do mandato, o PPdeG aposta por Elena Candia, exalcaldesa de Mondoñedo, para facerse co bastón de mando. O resto de candidaturas, Ciudadanos e a coalición Podemos-EU, procurarán manterse ou entrar no edificio da praza Maior e tentar condicionar maiorías.
Asemade, Lugo é unha cidade que procura proxectarse para a súa mocidade, para atraer e reter talento, e librarse do prexuízo que a acompaña. Os partidos políticos buscan impoñer o seu modelo de cidade para facer fronte ás diversas problemáticas estruturais como as súas carencias no eido da mobilidade.
Na sección final, o candidato do BNG, Rubén Arroxo, expón que nestes catro anos conseguiron darlle “ese cambio a Lugo que tanto necesitaba”, convertendo a urbe nun lugar “activo e con moito dinamismo”. O resto de partidos achacaron problemas de axenda para poder atender a chamada de Carretando para o noso #MinutoCarretando.
👥 Historias da mocidade luguesa
Como xa indicamos, a cidade busca amosar unha imaxe amable e atractiva para a xuventude. Por iso, o Concello de Lugo promoveu unha serie audiovisual coa revista de contidos dixitais Vinte na que mozas e mozos expoñen as oportunidades de Lugo para levar a cabo diversos proxectos.
“Algo se está a mover en Lugo”, así comeza esta peza multimedia chea de entrevistas, fotografías e historias moi interesantes. A serie divídese en cinco temas principais: participación cidadá; profesionais e emprendemento; estudantes; movementos socias; e cultura.
Convidámoste a ler as diferentes reportaxes para que coñezas mellor a urbe a través das súas protagonistas. As experiencias persoais das participantes axudan a rachar cos estereotipos que invaden a cidade de Lugo e descubrir voces e proxectos diferentes.
🔴 Besteiro na actualidade da campaña
Cambiando radicalmente de tema e entrando no puramente político, pasamos a unha nova que nos gustaría ter tratado máis no podcast. Por iso traemos esta peza do noso convidado David Lombao para infoLibre.
No texto podes ler os detalles que apuntan a que a actual candidata do PP de Lugo, Elena Candia, formou parte da “persecución xudicial” do líder do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro. A causa que afectaba ao socialista era a Operación Pulpo, actualmente arquivada, a cal levou á súa dimisión como secretario xeral.
🚐 Próxima parada: Santiago
A pesar das dificultades loxísticas do camiño, de Lugo pasamos a Santiago. A capital galega ten sempre moitas cuestións interesantes sobre a mesa. De cara a este 28M vemos dúas caras novas, as de Borja Verea e María Rozas, e dous rostros coñecidos, os de Goretti Sanmartín e o alcalde Xosé Sánchez Bugallo. Esta vez só terás que agardar unha semana para escoitar o podcast.
Coma sempre, lembra que para facer sustentable o noso proxecto podes colaborar connosco no noso Patreon. Faite mecenas! 😊