O Camiño de Santiago fílmico: que imaxe ofrece o cine sobre a peregrinaxe a Compostela?
Bo día!
Para empezar esta mañá de domingo, café e prensa mediante, temos por aquí unha firma interesantísima de cara a afondar no fenómeno cinematográfico do Xacobeo. Jorge Riveiro, xornalista coruñés colaborador dalgúns medios dixitais galegos coma Balea e Revista Morcego, analiza os discursos latentes en películas coma The Way ou Al final del Camino para complementar o comentado no noso 2x01 e mergullarse con todas as súas consecuencias no UCC (Universo Cinematográfico do Camiño). Ampliamos a mirada mesturando a perspectiva política coa cultural e interconectando o podcast coa textualidade íntima desta cartiña!!
Desfrutade, porque, sendo sinceros, Jorge é unha das mellores plumas xornalísticas da súa promoción. Aí vai:
O Camiño de Santiago fílmico: que imaxe ofrece o cine sobre a peregrinaxe a Compostela?
O Camiño de Santiago, alén dunha das tres rutas principais de peregrinaxe do cristianismo, é un factor industrial e cultural potentísimo para a nosa terra, Galicia. No episodio do podcast de outubro, os compañeiros e compañeiras de Carretando ocupáronse de explicar con pelos e sinais as características socioeconómicas que o envolven, facendo especial fincapé na importancia do Xacobeo, mais agora imos intentar abordar as mensaxes e ideas que agroman sobre o Camiño por outra vía: a cultural-fílmica.
Existe algunha mensaxe ou discurso latente nas películas sobre o Camiño? Hai unha visión universal e unificada sobre o que representa esta viaxe? E por enriba de todo: por que analizar este tema a través de películas? Ben, o certo é que, sen poñernos excesivamente pretenciosos, as representacións culturais poden servirnos, como sociedade, para expoñernos e entendernos a nós mesmos.
Autores como Gerard Imbert ou o dúo clásico de Jacques Aumont e Michel Marie falan da ficción audiovisual como un dos principais elementos vertebrais do imaxinario colectivo, pero non fai falta ―por sorte― ser un/unha estudoso da narratoloxía para entender que estas historias poden influenciar as percepcións do seu público. É dicir: poden mudar as visións que se fan os espectadores sobre algo, ter discursos alleos aos da realidade, etc. Este caso non é unha excepción, e atopamos que, de feito, existe unha constante no cine sobre o Camiño, tan sorprendentemente prolífico, por outra parte. Pero non adiantemos a lección.
Esta capacidade da cultura para concebir mensaxes cobra aínda máis sentido, en clave Camiño de Santiago, se recordamos como xurdiron suxeitos como o propio Xacobeo, que non deixa de ser unha estratexia comunicativa e económica das institucións galegas para explotar o poderío turístico da comunidade. Nos propios estatutos da súa orixe destácase como un principal obxectivo a “difusión internacional do evento e o acervo xacobeo mediante unha ampla programación promocional e cultural”, polo que, ao longo dos anos, tanto produtoras estranxeiras como nacionais, en colaboración coas institucións galegas, teñen insistido especialmente na produción de filmes co Camiño como protagonista.
Camiñando sobre tópicos
Así chegamos ao panorama actual. Hai moitas obras audiovisuais sobre o Camiño de Santiago. Moitísimas. Pode que demasiadas. Desde películas como Al final del camino, Peregrinos, The Way, Tres en el Camino a Americano ou Buen Camino, pasando tamén por series como a recente 3 Caminos. Quero dicir, mesmo hai unha serie de terror (que podería ser mais non é a USC) ambientada no Camiño, chamada Caminantes. Sen palabras.
A mencionada constante entre moitas destas obras, máis aló dunha moi baixa calidade ―e mirade que os meus estándares non son altos―, é a homoxeneización do propio acto de facer o camiño, ofrecendo unha visión universal e desnaturalizada da viaxe, e a representación manifesta dos tópicos e estereotipos máis comúns de cada sitio polo que adoitan pasar os protagonistas. De feito, nin sequera é que os lugares teñan moita relevancia en si. Pero vexamos isto dunha forma máis concreta.
Al final del camino (Roberto Santiago, 2009) é unha cinta de “comedia” que narra a historia dunha xornalista e un fotógrafo ―interpretados pola parella icónica de Aquí no hay quien viva: Fernando Tejero e Malena Alterio― que se ven obrigados a facer xuntos o Camiño para escribir unha reportaxe sobre un suposto gurú que realiza terapia cos peregrinos. Como non podía ser doutra forma, rematan namorando na viaxe, e o humor, lonxe de parecerse ao desa serie, aseméllase ao de La Que Se Avecina; é dicir, é unha historia cun humor simplista, pero sobre todo misóxino e incluso racista, no que o Camiño non importa nada, e que resulta insoportable vista hoxe en día.
Por non falar de que ao longo da metraxe apenas se mencionan nomes de vilas, e que o galego se presenta como un engadido divertido da viaxe, e non como o idioma do país en que se desenvolve a parte máis importante desta. Todo mal, vaia. Peregrinos (Coline Serreau, 2005) é o mesmo, pero é francesa e non da tanta vergonza allea. E non hai moitas máis diferencias.
Esta primeira incursión no UCC (Universo Cinematográfico do Camiño) non é moi satisfactoria. Fonte: Fotogramas.
Pola súa parte, The Way (Emilio Estévez, 2010) ten a virtude de ser abundantemente mellor que estas dúas anteriores e, con todo, non pasa de ser unha película moi normaliña. Cóntanos a historia dun doutor estadounidense, interpretado polo mítico Martin Sheen (actor que ademais ten raíces galegas), que decide emprender a peregrinaxe cando o seu fillo falece nun accidente mentres a facía. Polo camiño vai coñecendo a outras viaxeiras internacionais, coas que forma unha amizade que depara algúns momentos de relativa complicidade e emoción.
Martin Sheen é o punto máis forte dunha película que, sendo a mellor dentro do seu eido específico, segue sen convencer. Fonte: Filmin.
Porén, penso que as palabras de Javier Ocaña, crítico de El País, ben ilustran o que significa este filme ―xa non digo os outros―: “mais preto do tópico que do realismo, está máis dotada como guía turística para promocionar o itinerario nos EE.UU que como relato cinematográfico”.
A universalidade, o gran problema
Entendendo entón, como expoñíamos ao principio, o Camiño de Santiago como un vieiro que aglutina ―ou pretende aglutinar― un sentimento xeral europeo-occidental, damos de fuciños cun feito contraditorio: as súas representacións culturais, inscritas por tanto, á forza, nun arquetipo maior, centralista, homoxéneo, esquecen o relato do íntimo, do cotián, do que está máis preto.
Ou dito doutro modo: lonxe de explorar e analizar os elementos particulares do Camiño de Santiago, ou a idiosincrasia e os valores do pobo galego ou do resto de localidades involucradas, o cine sobre o Camiño busca enmarcar esta experiencia nun contexto común, moito máis doado e interpretable para calquera persoa que non sexa de Galicia ―xa o adiantamos: estas películas, sendo galego, fan dano―.
É unha visión despersonalizada, aséptica incluso, do que supón unha viaxe coma o Camiño, mais no cine analizado parece importar máis o feito de camiñar, de percorrer kilómetros porque si, en busca desa especie de realización persoal tan propia do turismo occidental, que dar resposta ás preguntas máis interesantes en clave xeopolítica: por que en Galicia? Que supón para o pobo galego esta tradición? Sería o camiño igual se fora noutra comunidade, noutro país? Desde logo, non o sabemos polo cine.
Isto pode ser, en parte, porque a maioría de filmes son producións ou ben españolas ou ben directamente internacionais, con países como Alemaña, Francia ou sobre todo os Estados Unidos detrás. Ou, tamén, podemos entender que as ansias por parte das propias institucións galegas por darlle ao mundo unha visión globalizada e universal do Camiño terminan por arrincarlle a este todas as características que o poderían facer propio e auténtico e o diferenciarían doutros destinos turísticos semellantes.
Tamén é certo, claro está, que falamos desde a perspectiva galega. Nós coñecemos as institucións, as cidades e vilas polas que pasa o Camiño, o que supón, etc., e quizais para nós non ten esa mística que, sabidos os datos, está claro que si ten no exterior. Se es santiagués/a, estás máis acostumado á catedral e non te sorprende tanto. Se es coruñés/a, o mesmo coa Torre de Hércules. Ou se es de Vigo, coas luces do Nadal.
O Apóstolo redime un pouco ás súas compañeiras. Fonte: OApostolo.com
Sen profundar neste momento nesa posible desconexión entre o pobo galego e o seu máximo recurso turístico, e dando xa por suposto que as representacións fílmicas do Camiño están máis centradas na atracción de turistas que noutra cousa, cómpre destacar que hai algunha excepción interesante fronte a ese exercicio de macropropaganda, voluntario ou non, que ofrece o resto das películas. Concretamente, unha: O Apóstolo.
O Apóstolo (Fernando Cortizo, 2012), cinta de animación galega, repasa nunha historia de misterio e suspense diversos aspectos da mitoloxía galega e da mitoloxía do propio camiño e a peregrinaxe, con resultados interesantes tanto nese aspecto como no máis netamente fílmico, coa estética coidada da súa peculiar animación, o seu bo guión, etc. O problema: tecnicamente, non é unha película sobre o Camiño. Ao pau. Transcorre nunha vila ficticia chamada Xanax, lugar onde uns expresidiarios intentan atopar un antigo tesouro, descubrindo co tempo toda unha trama sobrenatural que involucra aos habitantes da zona e ao arcebispado. Pero nada ―ou case nada― do Camiño en si, así que non sei se a deberíamos contar.
Con todo, e en definitiva, polo menos ensínanos que existe a posibilidade real de facer unha obra interesante co material que nos compete; nada que ver co feito ata o momento, vaia. Recomendación: se vedes algunha destas películas, facédeo co paraugas ―mental, enténdese― aberto, facédevos ese favor, porque vos vai chover bastante por enriba. Quizais, nun futuro líquido, poidamos falar dunha semiótica do Camiño fílmico distinta, pero ata entón só nos queda esperar!
Para máis información sobre o Xacobeo, non vos olvidedes de escoitar o noso último podcast!