O nacionalismo galego únese 12 anos despois para o 18F
A imaxe desta fin de semana foi o abrazo entre Xosé Manuel Beiras e Ana Pontón, marcando unha nova etapa dentro do movemento e lanzando a mensaxe de que estas eleccións son unha oportunidade única
O pasado fin de semana os actos dos partidos intensificáronse e deixaron imaxes e mensaxes moi importantes. Comentarémolas nesta newsletter na que estreamos a sección de Marta Casais cunha análise de datos do abstencionismo por concellos e renda media.
A foto máis compartida este domingo foi sen dúbida o abrazo entre Ana Pontón e Xosé Manuel Beiras nun evento que mostrou a reconciliación entre o BNG e Anova 12 anos despois da asemblea de Amio. Con este acordo, as formacións buscan concentrar o voto nacionalista nunhas eleccións que a líder define como “trascendentais” e “históricas” por ter unha oportunidade única para acadar a Xunta. Esta ilusión é compartida co coordinador nacional de Anova e exalcalde de Santiago e Teo, Martiño Noriega, quen tamén estivo presente neste acto histórico.
O outro protagonista da xornada foi Alfonso Rueda. Os presidentes e presidentas do PP das diferentes Comunidades Autónomas achegáronse a Galiza para arroupar ao candidato á reelección.
Neste evento houbo unha mensaxe chave, a de que nestas eleccións non se decide só o futuro de Galiza. “Vai gañar Alfonso Rueda, Galicia, pero especialmente España”, destacou a presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso. As proclamas dos diferentes baróns foron en chave nacional e tamén resaltaron a figura de Alfonso Rueda, especialmente a súa experiencia nas Administracións.
Por outra banda, os socialistas galegos presentaron en Santiago ás súas cabezas de lista e fixeron unha chamada á participación de cara ao 18 de febreiro. José Ramón Gómez Besteiro é positivo e sentenciou que “se mobilizamos Galicia, o PP perde”.
A crise dos pellets tivo un importante papel no seu discurso, destacando que esta situación reflicte “como xestiona as cousas” o Goberno da Xunta. Asemade, Besteiro ten claro que o PPdeG vai intentar introducir os temas de debate nacional na campaña galega con cuestións como ETA, Bildu e a xa famosa frase de “me gusta la fruta”.
A candidata ás galegas por Sumar, Marta Lois, recibiu o pasado venres o apoio de Yolanda Díaz e Iñigo Errejón, quen pediu aos asistentes que “tomen conciencia da súa propia forza”. Neste acto en Vigo lanzaron a mensaxe de que a representación por Coruña e Pontevedra xa está conseguida e chamaron a repetir o que se logrou no Estado o 23 de xullo.
Barrios abstencionistas das cidades galegas
A medida que se achegan as eleccións galegas, vaise facendo máis claro que a diferenza entre unha Galicia tradicionalmente conservadora e unha con maioría de esquerdas está en canta xente vota. Aínda que a anomalía da pandemia foi un dos factores determinantes para a baixa participación nos últimos comicios galegos, tamén é certo que nas autonómicas o votante galego non está tan motivado como nunhas municipais ou xerais.
A diferenza atopámola sobre todo nas sete cidades de Galicia. Este entorno urbano é o que máis adoita realizar o “voto dual” en xerais e autonómicas, e tamén coincide cun electorado maioritariamente de esquerda, tal como analizaron os compañeiros de praza.gal neste artigo. Pero máis aló disto, como é realmente ese electorado urbano tan pouco mobilizado? Para sabelo, a ferramenta máis útil son os datos do Censo do INE.
As últimas cifras firmes son de 2021 e navegando nelas pódese encontrar todo tipo de información, dende o estado civil e o nivel de estudos dos nosos veciños ata canto consumen en electricidade. Nós queríamos centrarnos sobre todo en dúas variables: a renda media e o nivel de estudos, para coñecer profundamente o abstencionismo urbano galego.
O centro vota máis
Para comezar esta análise, o mellor é empezar pola capital, en Santiago. Compostela foi, con diferenza, a cidade galega onde menos abstención houbo, cunha media de arredor do 36,88%. A participación foi maior no barrio da Choupana, pegado ao Hospital Clínico, que apenas rexistrou un 26% de abstención. Esta tamén é unha das zonas da cidade con veciños de maior poder adquisitivo, cunha renda media de 20.687 euros.
A medida que nos alonxamos do centro, a participación tende a baixar e tamén o fai a riqueza do compostelán medio. Así, onde máis xente quedou na casa foi na parroquia de Vilar de Outeiro, pegada ao termo municipal de Oroso, e cunha renda media de 12.138 euros por persoa.
A diferenza entre a periferia e o centro tamén a podemos ver replicada en Vigo, onde a menor participación en sitios como Navia ou Coruxo marca a diferenza entre que gañe a dereita ou a esquerda.
Os pobres quedan na casa
Unha boa representación do contraste que existe entre os barrios ricos e os máis humildes atopámola en A Coruña. A cidade herculina concentra as rúas cos galegos de maior poder adquisitivo e, segundo as cifras, tamén os que máis saen a botar a papeliña na urna.
As tres seccións censais con maior participación, con tan só un 30% de abstención, son as que se atopan no entorno dos Xardíns de Méndez Núñez e Praza de Lugo. Nestas, a renda media por persoa está nos 30.000 euros ao ano. En cambio, se viaxamos ata Ronda de Outeiro, podemos encontrar a outra cara da realidade urbana galega. Neste barrio, a renda media cae por debaixo dos 10.000 euros e a abstención escala máis de 30 puntos, ata situarse nun máximo de 61,03%.
Non sempre onde resides determina como votas; en cambio, ten máis que ver cos veciños que tes. A proba máis clara disto atopámola en Ferrol, onde, dependendo do lado da Estrada de Castela no que vivas, podes estar cos veciños máis pobres da cidade ou cuns dos máis afluentes. 9.460 euros ao ano separan O Inferniño e Recimil, e aí tamén a diferenza entre quen vota e quen queda na casa é palpable. Nas dúas seccións censais máis humildes encóntranse tamén as maiores cifras de abstención da urbe, do 52% e 61,86%. Pero se cruzas a rúa, a situación é case a contraria, alí a porcentaxe de persoas que non vota cae ó 32%.
Non sempre son os cartos, os títulos tamén inflúen
Polo de agora, centrámonos na relación entre renda e abstención, pero tamén hai que prestar atención ao nivel educativo dos votantes. Ourense é o mellor caso para estudar isto. É das sete cidades galegas a que ten unha maior parte da súa poboación con só unha titulación de primaria, o 16,47%.
Na capital das termas, as persoas con só estudos de nivel básico superan os 10.000 euros anuais de renda media, estando así moito menos educados que os seus veciños do norte, pero nunha situación menos precaria. Desta forma ocorre, por exemplo, que o barrio máis abstencionista de Ourense, onde un 63% do censo quedou na casa, teña unha renda media de 13.000 euros anuais; un forte contraste con barrio de Recimil en Ferrol, onde a renda media se sitúa nos 8.426 euros.
De maneira menos pronunciada tamén podemos ver este fenómeno nas outras dúas urbes que nos quedan: Pontevedra e Lugo.
Por tanto, a mobilización deste tipo de votantes con menos estudos e menor poder adquisitivo é clave para acadar unha vitoria da esquerda. Se a polarización progresiva no eido estatal marcou a diferenza para a reedición do goberno de coalición, en Galicia semella que o cambio pasa por achegarse ata os veciños máis humildes e convencelos da alternativa.
Semella que os partidos progresistas teñen en mente estes datos que nos aporta Marta, posto que as súas mensaxes xiran en torno á mobilización do electorado. Lembra que se queres apoiar estes contidos, pódelo facer a través de Patreon. Pronto traeremos máis novidades!