O que queda cando baixa a marea
Esta semana leeredes unha editorial en troques da sección habitual, veredes un documental en lugar dunha película e coñeceredes mellor a situación política dos nosos concellos
EDITORIAL
Confluencia de silencios
Esta semana non hai firma. Contactamos con varias persoas que tiveron relación con algunha das mareas municipais e todas rexeitaron participar neste espazo. Esgrimiron diferentes motivos, pero todos estaban ligados dun modo ou outro a unha mala experiencia, tanto política coma persoal, nas diferentes plataformas que chegaron a gobernar algunhas das principais cidades do país. Buscábamos profundar na experiencia de xestión dos gobernos das mareas a través dun relato en primeira persoa que permitira abordar este tema sen caer nas simplificacións que acostuman mostrar os medios de comunicación tradicionais: “gobernos problemáticos, incompetencia ou incapacidade de xestión”.
Froito diso, o silencio. Un silencio que permanece logo dos malos resultados electorais, co cumio nas eleccións galegas do pasado ano no que ningún candidato das listas post-mareístas entrou no Parlamento. Dende o equipo de Carretando avogamos sempre por unha política construtiva, de diálogo, de intercambio de ideas e de aprendizaxe colectivo, e por iso a nosa idea para a newsletter deste luns era que alguén nos contase a súa perspectiva dentro dun goberno cas mareas ou, canto menos, como persoa próxima ao xurdimento deses espazos que se autodenominaron “do cambio”. Queríamos mostrar así unha cara que no programa cremos que non vai poder aparecer de xeito tan directo; contaremos coa participación de dúas das caras máis visibiles do proxecto que, a priori, non nos poderán proporcionar unha visión da militancia de base ou dende outra perspectiva non tan influída polas consecuencias da axenda pública.
Contactamos con ata tres persoas, dúas que estiveron nalgún deses gobernos e outra que estivo dentro da formación. Non quixeron pronunciarse sobre o asunto, rexeitando volver sobre un pasado que semella moi presente; unha ferida aberta máis que unha cicatriz permanente. Cómpre sinalar que tentamos ata o último momento sacar adiante unha sección que nos parece fundamental do proxecto, como é unha tribuna pública na que recoller diferentes correntes de pensamento. Foi por iso polo que tamén nos puxemos en contacto cunha cuarta persoa ligada á formación de Compostela. Esta si que estaba disposta a participar, mais non o puido facer por falta de tempo con respecto ó día de hoxe. É por iso polo que nós tamén nos queremos desculpar ante os nosos ouvintes e lectores polos erros que poidemos cometer ca preparación deste espazo. Con todo, queremos tamén reflexionar sobre o acontecido na propia organización desta firma: por que é tan difícil falar das mareas? Que sucedeu para que algunhas das persoas que formaron parte do proxecto non desexen reflexionar publicamente sobre el? Que hai máis aló dos silencios?
Este tipo de silencios non son compatibles ca pluralidade informativa que humildemente pretendemos, aínda que insistimos en que comprendemos a situación das persoas coas que contactamos. Gustaríanos achegar diferentes puntos de vista para obter unha fotografía ca maior amplitude de campo e cor posible. Animamos a escoitar o episodio do próximo domingo para coñecer máis acerca dos concellos “do cambio” a través dunha análise pausada que contará coas reflexións de dúas das persoas máis importantes destes movementos en Galicia.
Sabías que…
As mareas conseguiron nas eleccións de 2015 o goberno municipal de tres grandes cidades galegas: Ferrol, A Coruña e Santiago. Porén, nas votacións de 2019 perderon o liderado en todas elas e nas dúas últimas non teñen tampouco representación no goberno.
A RECOMENDACIÓN: Política, manual de instrucciones (2016)
Unha viaxe para profundizar no proceso de instrumentalización do movemento 15M e na implosición da estrutura política bipartidista existente no escenario político previo ó movemento dos indignados.
A capitalización da indignación deste movemento e a ilusión xerada ca retórica política foron os ingredientes que compuxeron a construción de coalicións electorais que foron quen de gañar concellos como o de Santiago de Compostela ou o da Coruña. A nosa recomedación é unha crónica da converxencia deste movementos sociais e a súa carreira para postularse como forza política de goberno nas eleccións xerais do 2015, sendo capaces de mudar a clásica dicotomía (esquerda-dereita) por unha sustentada na máxima: vella política vs nova política.
A articulación desta estratexia e o proceso de creación da ilusión nos meses previos a esas eleccións son desvelados por un documental que se introduce no laboratorio de ideas de Podemos. As cámaras tiveron acceso incluso ás reunións do núcleo duro da formación morada, a cal fixo un exercicio de transparencia que dificilmente podería permitirse actualmente.
Publicado no 2016, un dos momentos máis brillantes do documental ocorre cando un dos fundadores do partido e, por aquel entonces, membro do Consello Cidadá, Juan Carlos Monedero, avisa dos problemas futuros que podería ter a formación ó basear todo o seu discurso en elementos distituintes e grandes transformacións. Monedero afirmaba que no momento de chegar ó proceso constituínte ou á xestión pública, estos movementos producirían unha gran disilusión ao verse obrigados a asumir as contradiccións e as dificultades para levar a cabo os cambios anunciados. A lei de ferro da oligarquía, que diría Michels. Canto menos, este documental é premonitorio de todo o proceso que está a experimentar Podemos nos últimos anos
A NOTICIA DA SEMANA: O Consello de Estado remata o debate sobre a lei de saúde
Yannick Juncal García
Máis sona tivo cando se enfrontou ó pertinente trámite parlamentario ou cando foi recorrida polo Goberno central, que cando foi ratificada polo Consello de Estado, máis non por iso perde a importancia necesaria para ser comentada neste espazo.
Xa dende o comezo da crise do coronavirus, coa imposición de restricións por parte das autoridades competentes, a necesidade de abandonar o Estado de Alarma e optar por aprobar un novo marco legal específico que permita regular certos eidos da vida cotiá en caso de epidemia, se fixo unha habitual no discurso político de Alberto Núñez Feijoó. Unha tese, por outra banda, respaldada por numerosos xuristas e que non atopou o mesmo éxito nas forzas da oposición.
A Lei de Saúde de Galicia, xa na axenda do executivo galego dende agosto do pasado ano, foi aprobada no Parlamento de Galicia cos únicos votos favorables dos 42 deputados do Grupo Parlamentario Popular, levantando enormes críticas e incluso mobilizacións apoidadas por unha oposición que sostén que ataca os dereitos fundamentais e as liberdades públicas.
O Goberno central, unha vez aprobada a nova lei no Pazo do Horreo, tamén se mostrou contrario á mesma, chegando a considerar pertinente presentar un recurso de inconstitucionalidade con caracter urxente, casando cos discrusos máis próximos aos sectores liberais e da ultradereita.
A nova que pon fin a todo este entramado de disputas dialécticas entre institucións e partidos, chegou esta semana da man do ditame do Consello de Estado, o cal ademáis de non achar motivos de inconstitucionalidade, recomendou ao Executivo a reforma da Lei de Medidas Especiais de Saúde Pública. Isto dá a razón ao defendido durante os últimos meses por Partido Popular, Ciudadanos e Esquerra Republicana de Catalunya, entendendo como necesario empregar lexislación propia do ámbito sanitario para establecer restricións en casos como o que aínda estamos a vivir.