O reto demográfico e o (inminente) reto electoral do 18F
Xa coa data das eleccións galegas na mesa, en Carretando seguimos falando dos grandes temas que nos atinxen no día a día e no noso último podcast tratamos o reto demográfico
O mesmo día que Alfonso Rueda anunciaba a súa decisión de adiantar as eleccións para o vindeiro domingo 18 de febreiro, nós seguiamos coa nosa precampaña particular de podcasts sobre os temas tractores da Galiza que vén. O despoboamento e o reto demográfico son problemáticas ás que se enfrontan moitas sociedades europeas e que no noso país padecemos especialmente nas provincias de Lugo e Ourense.
Neste episodio vese como podemos dicir que estamos ante un país a dúas velocidades, cun flanco occidental que conta con certo dinamismo e un oriental que esmorece. Como se vertebra Galiza? Que se debera facer para que o rural resulte atractivo para instalarse ou non marchar del? Que fai, por exemplo, Portugal para combater o despoboamento?
Para responder a estas preguntas e formular novas reflexións contamos coa participación de Carlos Ferrás, xeógrafo e profesor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), quen nos aportou unha visión experta e académica sobre o reto demográfico. Asemade, Antom Fente, de Interior Galego Vivo (IGV), brindounos a mirada política desde a zona zero cun ollar centrado no municipalismo e a revitalización das áreas en declive.
Se queredes afondar máis nesta última cuestión, no Patreon compartimos co noso mecenado a conversa completa que mantivemos con Fente na que, entre outras moitas cousas, comenta as expectativas do partido IGV con respecto ao 18F. Coma sempre, o podcast pódese escoitar en iVoox, Spotify e Apple Podcast.
Un podcast medio cheo, un programa a prol do rural galego e un artigo de análise demográfica cara o 18F
Co obxectivo de seguir ampliando o contexto arredor do que supón o despoboamento e como combatelo, recomendamos o podcast ‘La España Medio Llena’, de Vivaces e producido por Harmon. O obxectivo desta iniciativa promovida pola consultora e as nove empresas que forman Vivaces é sensibilizar sobre o desenvolvemento rural e contar historias sobre a xeración de novas oportunidades.
De volta no país, non podemos deixar pasar a oportunidade de recomendar un dos programas máis marabillosos da nosa tele pública. ‘Cos pés na terra’ achega historias humanas sobre a opción de quedar no campo para desenvolver o traballo e a vida de forma digna e atractiva.
En cada programa tres protagonistas, tres historias e tres vidas distintas entrelázanse para amosar a existencia dun rural galego vivo, moderno, dinámico e afastado de clixés. Un maratón de ‘Cos pés na terra’ fai ver que existe a opción de repoboar as zonas deprimidas con xente diversa que aposta por construír os seus proxectos arredor do campo e que saen adiante cada día, con esforzo e esperanza.
Falando de demografía e antes de dar paso ao ‘Diario de precampaña’ queremos recomendarvos esta interesante peza de análise de Marcos Pérez Pena en praza.gal na que se tenta dar resposta á pregunta do millón: “Que pasa para que a esquerda gañe en Galicia de forma habitual nas Xerais pero non poida facelo nas eleccións ao Parlamento galego?”.
Diario de precampaña
Alfonso Rueda fíxoo. Logo de moito dixomedíxome, pasou o que era previsible que pasara e Galicia votará o próximo domingo 18 de febreiro. O anuncio pillou por sorpresa a algúns, aínda que había quen xa estaba preparado para ofrecer unha resposta solvente cando chegase este momento.
Coa convocatoria á vista, a axenda dos partidos multiplícase e resulta máis complexo elaborar este diario quincenal, mais desde Carretando esforzámonos por seleccionar os máis salientables e recentes.
Fotografía: Europa Press.
Esta pasada fin de semana, con motivo do Nadal, tanto BNG coma PP lanzaron os seus spots de Nadal cun claro ton electoral un par de días despois de que se oficializara a convocatoria. Mentres que os populares tiraron de costumismo e humor subindo no “cañabus” conducido por Rueda e con todo tipo de persoeiros da esfera pública galega; os de Pontón optaron por un vídeo con maior carga emocional na que unha parella se imaxina unha Galiza futura na que a sarriá acada a presidencia da Xunta.
O PSdeG optou por un vídeo máis tradicional e austero, colocando unicamente o seu candidato no foco. Con todo, Besteiro segue a amosar o seu papel como conseguidor do Goberno de Sánchez para Galiza e vén de anunciarse o desbloqueo de cinco parques eólicos que alimentarán Alcoa. Asemade, a fin de semana previa ao anuncio electoral, os socialistas galegos puxeron no centro ao seu candidato coa convención política á que asistiu Pedro Sánchez.
No que corresponde ao espazo da esquerda alternativa, Sumar vén de oficializar que Marta Lois será a súa candidata á presidencia da Xunta. Ademais, confirmaron que a comisión promotora da formación chegou a preacordos políticos con Podemos Galicia e Esquerda Unida, polo que, salvo sorpresa, os partidos concorrerán xuntos ás eleccións.
Neste contrarreloxo dun calendario no que se confeccionan listas e axendan actos, tamén se fixeron públicos os nomes dos equipos de campaña. No BNG, Rubén Cela volverá dirixila man a man con Rodil e Bará, mentres que os populares poñerán á fronte da mesma á súa secretaria xeral, Paula Prado. Ao mesmo tempo, tamén recordamos que xa se pode solicitar o voto por correo ata o 8 de febreiro.
Desde o equipo de Carretando desexámosche moi boas festas! Lembra que podedes apoiar o noso proxecto a través de Patreon, onde publicamos contido exclusivo para os nosos e as nosas mecenas.