O último diario de precampaña
Este venres comeza a recta final cara as eleccións do 18 de febreiro, así que imos cun repaso de actos e enquisas antes de entrar na verdadeira campaña electoral
A campaña permanente pode que nos confunda un pouco, pero este diario de precampaña é o último que podemos chamar así. O venres desta semana, o día 2, comeza a campaña electoral de verdade coa tradicional pegada de carteis ás 00.00 da noite. Así que imos cun repaso da situación antes de que comecen os días máis intensos!
Xa temos o primeiro lema da campaña. ‘A Galicia que funciona’ é o escollido polo PPdeG e explícano a través de valores como a confianza, a unidade, as solucións e a experiencia.
A secretaria xeral e directora de campaña do PPdeG, Paula Prado, presenta o lema escollido para o 18F: ‘A Galicia que funciona’ | Fonte: PPdeG vía X
“A Galicia que funciona é aquela na que a palabra dada se converte en feitos, que non levanta muros entre a súa xente e que sempre trae solucións ás dificultades”, apuntou a directora de campaña do partido, Paula Prado, no acto de presentación celebrado o pasado venres.
Alfonso Rueda e Alberto Núñez Feijóo comezaron a semana cun almorzo informativo organizado por La Razón no que o actual presidente da Xunta asegurou que a participación do líder do PP estatal na campaña galega suma moito. Para Feijóo, o BNG quere “trasladar o modelo de fractura a Galicia” e Rueda representa “a seguridade de que non vai fallar a quen deposite nel as responsabilidades e esperanzas”.
Mentres, nun acto celebrado polo BNG en Santiago de Compostela, Ana Pontón incidiu en que hai que soñar. Fíxoo nun escenario coa mensaxe de que é “agora!” e co seu nome seguido da palabra “presidenta” nas pantallas, algo moi empregado na campaña do partido.
Ana Pontón no Multiusos do Sar nun acto para relanzar a súa candidatura | Fonte: BNG vía X
No último faladoiro de Carretando a maioría concordamos en que son uns comicios moi abertos. Isto evidénciase nos discursos dos partidos que fan un chamamento constante á necesidade de ir votar. No caso do BNG, apelan moito ás persoas indecisas e incluso a aquelas que nunca colleron a papeleta do partido nacionalista. “Son a candidata de todas as persoas que queren cambio e saben que apostar polo BNG é a maneira de logralo”, exclamou Ana Pontón no acto.
Outra cuestión que está a destacar nesta campaña é a implicación que teñen os partidos desde Madrid. Este fin de semana Pedro Sánchez estivo en Lugo respaldando ao candidato do PSdeG. “Con un socialista en la Moncloa y otro en la Xunta, Galicia no rueda, Galicia vuela”, proclamou o presidente de España.
Pedro Sánchez sacou peito da xestión que fan os socialistas da economía e de que o fan mellor que a dereita porque “a poñen ao servizo da xente”. Besteiro destacou que cun goberno socialista galego poderanse “traer ideas e proxectos para o noso país”. O candidato quere rematar coas diferencias entre a Galicia de costa e do interior e incidiu en que hai que mellorar a situación da sanidade e da mobilidade.
Por parte de Sumar, hoxe mesmo a súa candidata, Marta Lois, traspasou o seu cargo como portavoz do partido a nivel estatal para que o ocupe Iñigo Errejón e está previsto que pronto renuncie tamén á súa acta de deputada. “Agora toca volver e nesa volta vou poñer todo o meu esforzo, toda a miña ilusión, toda a miña entrega, todo o meu compromiso político, para que haxa un cambio en Galicia e Sumar sexa esa forza decisiva”, remarcou.
Como actualización dos debates dos que falamos a semana pasada, xa sabemos que Rueda só irá ao organizado pola TVG. Paula Prado insistiu en que o presidente “non se esconde e vai a onde o invitan”, aínda que serán outros representantes do partido os que vaian a debates como o da Cadena SER.
Coñecemos os datos do primeiro CIS para o 18F
O pasado xoves 25 o CIS difundía a enquisa realizada para as eleccións galegas do 18 de febreiro. De todas as que comentamos ata o de agora na nosa newsletter, esta é a primeira que mostra a posibilidade de que o PPdeG perda a maioría absoluta, cun intervalo de escanos entre os 36 e os 38 (a maioría conséguese con 38 ou máis).
Seguindo a orde de máis a menos representación atopamos ao BNG, cuns resultados históricos que o sitúan entre os 20 e os 23. Continuamos co PSdeG-PSOE cun intervalo de escanos entre os 15 e os 17. Por último, vemos a Democracia Ourensa cun representante, o único caso no que non aportan un intervalo, e a Sumar Galicia, que está entre non conseguir ningún deputado ou chegar aos dous.
Esta enquisa destaca por ser a máis ampla de todas con máis de 11.000 entrevistas. Entrando noutros aspectos, o CIS apunta a que o PPdeG é o partido que máis confianza e capacidade para gobernar ten para os galegos e galegas. Mentres, o BNG consegue os atributos mellor puntuados no espazo da esquerda e a súa líder é a mellor valorada (5,77), incluso por diante de Alfonso Rueda (5,39).
A pesar de que esta é a única sondaxe que apunta a unha posible derrota do PPdeG, Pilar Gómez publicou en El Confidencial que os populares de Génova manexan enquisas internas que dan un resultado de 36 a 39 escanos. A xornalista apunta na peza a que “a estratexia pasaba por rendabilizar o malestar” contra o Goberno Central, mais “a lei de amnistía non penaliza como se agardaba”.
Outra das sondaxes importante da semana é a de Gad3 para o ABC. Neste caso non dan entrada nin a DO nin a Sumar e o PPdeG mantería a maioría absoluta con 39-40 deputados, seguido do BNG con 23 e do PSdeG, cunha baixada ata chegar aos 12-13. Con respecto á valoración dos líderes, o mellor valorado é Alfonso Rueda (5,3) e é o único aprobado polas persoas enquisadas.
Resultados da enquisa de Gad3 para ABC para as eleccións galegas do 18F | Fonte: ABC
Sempre temos que ter en conta que unha boa parte dos electores decide o seu voto na última semana de campaña. Dentro de nada entramos nesa recta final, así que estaremos pendentes e comentarémolo todo por aquí!
Estate alerta a todas as nosas redes sociais para non perderte as novidades como o faladoiro que publicamos esta semana. Teremos moito contido adicional, así que nos sairemos un pouco das datas de publicacións habituais! Lembra que podes apoiar Carretando a través de Patreon 🩵