Os partidos galegos entran en campaña no debate de política xeral
Aproxímanse as eleccións autonómicas e o DEA foi a oportunidade óptima para a exposición dos posicionamentos tanto do actual presidente como da oposición
Os partidos políticos galegos comezan a quecer os motores da campaña electoral. Os comicios autonómicos aínda non teñen data e cada vez cuestionámonos máis cando serán, se á par das europeas e vascas ou se nos tocará ir ás urnas dúas veces este ano. Con todo, os nosos e as nosas representantes viron no debate de política xeral o momento perfecto para comezar a empregar o ton electoralista.
Desta cita falamos no último episodio de Carretando, acompañados por Beatriz Muñoz, xornalista de eldiario.es, e David Reinero, de praza.gal. Ambos aportaron a súa visión sobre o papel de Alfonso Rueda na súa primeira grande cita parlamentaria e da postura que está a adoptar a oposición. Á parte, opinaron sobre o feito de que neste DEA houbera 13 acordos unánimes, un récord dos últimos anos que destacaba David Reineiro nun artigo e que poñía en valor no noso podcast.
No 4x02 tamén participa un dos nosos politólogos, Yannick Juncal, para explicarnos en que consisten os debates de política xeral. Recuperamos esta parte puramente divulgativa para aproximar o funcionamento do Parlamento aos nosos e ás nosas ouvintes.
Ficción para entender a realidade
Semellaba complicado atopar un produto cultural que estivese relacionado co noso capítulo sobre o debate de política xeral. Tras unha reflexión, decidimos traervos a Patreon unha recensión sonora sobre Parliament, unha serie sobre o Parlamento Europeo.
Os nosos xornalistas, Pablo Rañales e Adrián Vázquez, conversan sobre esta ficción que traslada parte da realidade da institución a través da sátira e certos estereotipos. Unha serie amena que consegue aproximarnos as políticas europeas aos espectadores e espectadoras. Desde Carretando queremos por en valor este tipo de series que permiten que o cidadá vexa as institucións dunha maneira diferente á que está acostumado, especialmente cando o fan con naturalidade como en Parliament.
Sobre os estereotipos e o escepticismo da sociedade cara as institucións europeas fala tamén Nacho Alarcón nun artigo para El Confidencial. O correspondente apunta ao feito de que o cidadá non ten un contacto directo coa administración de Bruselas, de forma que a relaciona coa realidade que vive no ámbito nacional.
Por iso é tan importante que as institucións sexan capaces de trasladar ás persoas como funcionan e para que serven. Esta é a base para que a cidadanía teña unha mínima relación e coñecemento sobre a actividade política en calquera ámbito. Se non o fan, polo menos sempre nos quedarán os xornalistas e os produtos culturais que tratan de reflectir esta realidade.
Se che interesan este tipo de recensións podes apoiar Carretando a través de Patreon e acceder ao contido extra. Cada martes traemos unha novidade textual ou en audio para os nosos e as nosas mecenas. Grazas por estar! 🤗