Preparando a segunda ruta
Nesta publicación leeredes a Rafael Pillado, atoparedes de novo algunhas pistas sobre o tema do próximo podcast e descubriredes como nos comezou a interesar a política ós membros de Carretando
A FIRMA: Rafael Pillado
SON OS DEREITOS HUMANOS
Participar, entender, mobilizarse, é tarefa de hoxe como de onte.
Cando vexo un presente social e político complexo, máis alá da pandemia, e un futuro con nuboeiros, volvo ós meus primeiros pasos no acercamento ó compromiso social e político co mundo do traballo. Si, fillo dun lucense pescador perseguido por tantas razóns, e dunha carballesa lista e decidida, sen máis medios ca intelixencia. Sentindo o desexo de entender este inxusto mundo.
Todo era gris plomizo. A relixión velo que todo o cubría, tapadeira da inxustiza. Salvo unha minoría privilexiada, a inmensa maioría careciamos de acceso á ensinanza, á cultura, ó traballo. Na casa faltaba de todo, excepto optimismo. E ela, ademáis da pris...
Máis tarde, a miña entrada en Bazán de Ferrol, con miles de compañeiros, a maioría antifranquistas, pero sensibles ó medo imposto, e no medio de todos, un grupo de comunistas organizando ós traballadores na defensa dos seus intereses. Era o contexto da explotación onde este mozo e moitos outros sentiron a agresión. Si, situación propicia para que a mera inquietude dese paso ó compromiso. Era o salario, a represión, o adoutrinamento relixioso e fascista, a absoluta falta de liberdade.
Era a ditadura na que tomamos compromiso e partido na loita pola democracia, por unha sociedade máis igualitaria. O resultado desa loita colectiva énchenos de orgullo, pese as limitacións impostas. Cubrimos unha etapa, pero queda moito camiño que percorrer.
Vivimos avances a retrocesos. A democracia non estaba asegurada para sempre. A estas alturas as novas xeracións senten a ameaza de vivir peor que seus pais, pese ós avances científicos e técnicos. Ninguén ten asegurado un traballo nin un salario. A inseguridade e a precariedade son permanentes. E namentres, unha minoría acumula a riqueza de media humanidade. Incluso en plena pandemia, esa acumulación adquire dimensións incomprensibles, a costa de todos nós.
Os grandes intereses económicos seguen contribuíndo á destrución do planeta, e seguen promovendo o desenrolo das forzas políticas que nos recordan ó nazi-fascismo.
Nesta realidade, temos a convicción de que as e os mozos saberán asumir o compromiso moral e político de dotarnos dunha democracia real e avanzada, fronte ós depredadores.
Saberán enfrontarse ca manipulación e a ocultación da inxustiza por este sistema que, como dicía Noam Chomsky “cando (o sistema) non pode controlar pola forza,... ten que controlar o que a xente pensa”.
Sabías que…
Daniel Castro (Ribadeo, 1996) converteuse nas pasadas eleccións ó Parlamento de Galicia no deputado máis novo da historia autonómica galega, entrando coma número dous do BNG en Lugo
A RECOMENDACIÓN: The politician (2019)
Esta semana traémosvos unha serie sobre a nova política. Nova, pola idade dos protagonistas, non porque teña algo de novidoso con respecto a todo o anterior. O protagonista, Payton Hobart, soña con ser o presidente dos EUA desde neno e para conseguilo emula a vida dos que ocuparon o cargo anteriormente. Cunha personalidade psicópata, realizará todo tipo de artimañas para conseguir o seu obxectivo, manipulando incluso a quen ten arredor. Tamén se pode ver como se leva a cabo unha campaña electoral moderna ou a importancia das redes sociais na comunicación política. Aínda que na primeira temporada non trata en profundidade temas políticos do noso tempo, na segunda xa aparecen o ecoloxismo ou o feminismo como temas matriciais. En poucas palabras, o prota viría a ser un Biden, pero agardamos que alcance a presidencia algo máis novo. Dispoñible en: Netflix
A NOTICIA DA SEMANA: Un mes máis sen publicar a lei de Vivenda
Carmen del Río Ferreiro
Esta semana non podía pasar sen comentar un tema que volve a ser noticia en España: o aluguer. O pasado xoves coñecíamos que o ministro de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana, José Luís Ábalos, volverá a incumplir os prazos para aprobar a lei de Vivenda, polo que pasará un mes máis sen estar preparada. Isto sucedeu unha semana despois de que o PSOE presentara a Unidas Podemos unha proposta para chegar a un novo acordo neste eido. Porén, isto o que conseguiu foi separar aínda máis as posturas.
Lonxe de buscar unha solución ó enorme problema da subida do aluger en España, que afecta á maioría da cidadanía, o que o PSOE busca é axudar aínda máis ós propietarios. Como? Pois a través dunha proposta para rebaixar o IRPF ós propietarios que firmen uns contratos a prezos máis baixos en determinadas zonas e condicións. Isto semella seguir coa liña máis cercana ó liberalismo que perseguen moitos membros do PSOE e non tanto coas ideas iniciais do goberno de coalición. O propio Ábalos parecía reafirmalo el só cando pronunciou a polémica frase de “a vivenda é un dereito, pero tamén un ben de mercado e non o podemos obviar”.
Todo isto sentou máis ben mal no partido de Iglesias, unha das caras máis visibles neste conflito. O que Unidas Podemos pide é que se cumpra o pacto de goberno firmado co PSOE, no cal se falaba de regular o prezo do aluguer. Está claro que os socialistas están a buscar alternativas que semellan difíciles de explicar por ter ese acordo previo coa formación morada. En definitiva, o tema da vivenda sigue provocando tensións e semella que así seguirá mentres o PSOE non asuma o firmado.
Vemos como países da Unión Europea levan tempo apostando por medidas para regular o mercado da vivenda. De feito, este mesmo venres Países Baixos puxo en marcha unha medida de control do aluguer, onde as rendas non poderán subir máis dun 1% nos próximos anos. Así pois, España tamén debería facer fronte a este problema a través da intervención no ámbito privado, non chega co aumento das vivendas sociais anunciadas este mes. Por moito que sexa tamén unha medida positiva, a realidade é que os prezos excesivos de aluguer afectan a moitas máis familias do que esta medida pode cubrir.