Que pasa e que pasará en Ourense?
A nosa viaxe pola urbe termal xa está dispoñible, así que traemos un pouco de autopromo, un par de recomendacións e un adianto do seguinte podcast.
A nosa autocaravana fixo a primeira parada da tempada en Ourense, unha cidade chea de incertezas de cara aos comicios do 28 de maio. Para entender mellor a súa situación, falamos con Brais Iglesias e Sergio Conde, xornalistas de La Región. Grazas a eles entendemos como está o panorama da urbe termal, con Jácome facendo campaña a través das festas, o PSdeG e o PPdeG eloxiando un “glorioso” pasado e un BNG apartado destes discursos.
Dende Carretando sempre nos preguntamos cal é o modelo de cidade que ofrecen os partidos na campaña. Ourense é un caso aparte, cuns comicios moi marcados polo discurso de Jácome, algo que Sergio Conde describe como “unha copia barata de Abel Caballero”. Para coñecer todos os detalles da campaña, podes escoitar o noso podcast 3x01, dispoñible en Spotify, iVoox e agora tamén en Apple Podcast.
Recomendacións ourensás
Para os nosos programas nutrímonos de contidos de todo tipo. Gústanos aproveitar o noso espazo para recomendar o traballo de outros colegas de profesión porque hai lecturas e escoitas que pagan moito a pena.
Comezamos con este perfil de Jácome escrito por Carlos Prieto para El Confidencial en 2019 e que nos axudou a entender quen é o actual alcalde de Ourense. Esta peza explica a súa traxectoria e a súa personalidade, dende as súas épocas de instituto ata o pacto con Baltar. Ademais, o perfil está intercalado cunha conversa entre o xornalista e o líder de Democracia Ourensá.
Tamén queriamos recomendar un proxecto que comezou hai pouco. OU ké é un espazo que fala de “Auria e todo o que lle acontece”, así que é o momento perfecto para que lle botes unha ollada. Están en diferentes redes sociais, pero nós queremos centrarnos neste cara a cara tan interesante entre Manuel Cabezas, candidato do PPdeG á alcaldía de Ourense, e Francisco Rodríguez, candidato do PSdeG. Na conversa poderás ver as semellanzas e diferenzas entre os dous representantes, que son xa históricos da política ourensá.
Próxima parada: A Coruña
O segundo podcast desta tempada será en A Coruña e estará dispoñible o próximo xoves 23. Para poñerte en situación queremos presentarche aos candidatos á alcaldía nesta cidade.
A semana que vén poderás escoitar o noso podcast sobre as eleccións municipais en A Coruña e coñecer moito mellor a cada candidato.
Ao longo desta tempada terás unha newsletter coma esta cada dous xoves no teu correo. Agardamos que che gustara e lembrámosche que podes apoiar a Carretando a través do noso Patreon e seguíndonos nas nosas redes sociais. Grazas por todo!