Que posición ocupa a Unión Europea no mundo?
No último capítulo antes das eleccións do 9 de xuño, Marta Casais e Roi P. Vila falan sobre a posición das institucións europeas na política exterior e das divisións existentes entre países
Sabemos que hai moitos temas que atinxen á Unión Europea, pero nestes últimos anos os conflitos bélicos son os que máis preocupan a nivel internacional. A invasión de Ucraína e o xenocidio en Gaza están a marcar a axenda en todo o mundo. A cuestión é: que papel ocupa a Unión Europea na política exterior?
No último podcast antes dos comicios do 9 de xuño, Marta Casais e Roi P. Vila abordan este tema baixo unha máxima, que existe unha grande división nos países da UE. Xa non só entre os estados, tamén entre os máximos representantes. O máis destacado neste sentido foi o apoio incondicional da presidenta da Comisión Europea, Ursula Von der Leyen, a Israel durante unha visita, saltándose os protocolos.
Roi e Marta subliñan que ela non pode marcar posicións, que é algo que, en tal caso, lle corresponde a Josep Borrel como xefe da diplomacia europea. El si que se posicionou a favor de Gaza, apuntando a que Israel vulnerou o dereito internacional e pedindo un alto o fogo. As nosas presentadoras lembran neste 4x15 que a súa carreira política está a piques de rematar, polo que parece que Borrel quere posicionarse “no lado bo da historia”.
Para Roi estamos ante “un escenario internacional extremadamente convulso e que ten consecuencias tamén a nivel interno nos estados membros”, o que provoca “falta de coherencia e divisións internas”. Para el, a UE é un actor diplomático limitado, mentres vemos que Qatar, Exipto ou Turquía xogan papeis moito máis significativos na invasión de Gaza.
Unha demostración das diferenzas é o recente recoñecemento de Palestina por parte de España, Irlanda, Noruega e Eslovenia ao que non se sumaron o resto de países. Isto traslada a idea de que a UE non ten unha voz propia sobre o conflito, polo que o seu poder é moito máis limitado que o doutros actores. Isto non ocorre coa invasión de Ucraína, onde si hai moito máis consenso.
Neste suceso, as diferenzas aparecen nos partidos de extrema dereita, que van subir de forma considerable. O actor máis conflitivo neste caso é Viktor Orbán, claramente pro ruso, a diferenza da maioría do resto de partidos. Marta e Roi destacan o feito de que, por moito que a extrema dereita acade unha grande representación, as fronteiras entre algúns dos partidos son moi grandes.
Marine Le Pen e Georgia Meloni si que están a mostrar moita complicidade, pero forman parte de grupos diferentes. De feito, estase a falar de que conformen un único grupo. Aínda así, políticos como Feijóo e Von der Leyen están achegando posturas con Meloni, a cal está nun proceso de normalización da súa imaxe a pesar das súas ideas extremistas.
Outro tema que saiu no podcast é o aumento dunha retórica belicista. Este tema parte da idea de impulsar a industria armamentística nalgúns países, especialmente os do centro e o leste de Europa. A crise económica que se está a atravesar fixo pensar nesta solución, pero isto derivou en que se empecen a abrir outros debates como a posibilidade de introducir o servizo militar obrigatorio nalgúns territorios.
A política internacional dá para moito e Roi e Marta foron quen de tratar moitos temas neste último capítulo. Animámoste a escoitalo, como sempre en iVoox, Spotify ou Apple Podcast.
Últimas recomendacións antes das eleccións europeas
Volvendo a un formato do que falamos a semana pasada, Nós Televisión xuntou aos politólogos Serxio María e Yannick Juncal para ter unha conversa sobre “Europa con novos ollos”. Os dous mozos, menores de 30 anos, reflexionan sobre o que é Europa desde as súas perspectivas, tamén a galega.
Un dos temas principais que tratan é como solucionar a desafección política, incluso relacionándoa co sistema electoral. Tamén baixo o feito de que a mocidade non coñece outra realidade que a de estar dentro da Unión. Centrándonos máis en Galicia, na conversa salen cuestións como a relación con Portugal ou a transición ecolóxica.
Outra das opcións para achegarse un pouco ao contexto xeral dos comicios europeos son os contidos publicados desde El Orden Mundial. Nesta ‘Guía para entender as eleccións europeas’, Natalia Ochoa realiza unha panorámica arredor dos diferentes grupos parlamentarios que atopamos no Parlamento Europeo, os temas que están a marcar as dinámicas a nivel comunitario ou un achegamento ás principais enquisas.
Doutra banda, nesta peza publicada recentemente, Álvaro Merino realiza unha radiografía dos membros do Europarlamento desta lexislatura que pechamos. Nela conclúe a existencia dunha clara falta de diversidade resumindo o eurodeputado tipo nun “home branco de 54 anos”, deixando claro que na política europea sigue pesando a lousa de ser un lugar de xubilación.
Quedan só tres días para que vaiamos todos e todas ás urnas. Nun post no blog de Xacias contamos un pouco como foi e está sendo a campaña dos tres partidos con representación no noso Parlamento, o PPdeG, o BNG e o PSdeG. Ademais, falamos de nomes propios máis alá dos estatais, como son Fancisco Millán Mon, Nicolás González Casares e Ana Miranda.
Se queres saber un pouco máis sobre estas eleccións europeas antes de ir votar, recomendámosche ler o artigo e así poñerte ao día. Aparte, como sempre, estate pendente das nosas redes sociais para seguir todas as novidades de Carretando! Grazas por lernos 🩵