Santiago: falamos desde a Facom de compostelanismo e Bugallismo
Roi Pérez e Belén Teiga dánnos as claves do que vai pasar na capital o 28M
Carretando visita a cidade na que todo comezou. Desde a mesma facultade na que boa parte do equipo comezou a tecer contacto para sacar adiante o proxecto, conversamos coas nosas dúas analistas para este programa arredor do contexto preelectoral do 28M en Santiago de Compostela. Roi Pérez, consultor político, e Belén Teiga, xornalista de local en Europa Press, axúdannos a pintar o lenzo político compostelano.
Volveu Bugallo e non foi só para outro mandato máis. O sempiterno alcalde quere ir pola quinta e repetir goberno en solitario. Porén, o BNG de Goretti Sanmartín presume de forza e quere, non só formar goberno de coalición cos socialistas, senón que pretende lideralo. Compostela Aberta procura non desaparecer con María Rozas como candidata e dárlle continuidade ao feito no goberno de Martiño Noriega. Borja Verea, o candidato do PPdeG, amósase como a única alternativa a Bugallo, sendo unha aposta forte dos populares para comandar a capital de novo.
A oposición deixou facer ao alcalde neste último mandato e a confrontación foi mínima. Porén, a cidade segue sen gozar dun modelo claro e de futuro, cun Bugallo que padece un claro desgaste e que non semella capaz de contaxiar o optimismo e ilusión que procuran o resto de forzas políticas. Mobilidade, área metropolitana, vivenda… son os outros temas transversais nos que afondamos mirando máis alá do 28M.
No #MinutoCarretando, contamos coa participación de todas as candidatas que debullan por que a súa é a opción correcta e necesaria para solventar as problemáticas que atravesa Compostela.
O Caso Desproi: a sombra da corrupción de novo sobre Raxoi
Por falta de tempo e pola diversidade de temas, case non se comentou no podcast unha das cousas que pode marcar a campaña e que máis está a desgastar ao actual goberno: o Caso Desproi. Pero que é e como o están afrontar os diferentes partidos?
Primeiro, Compostela Aberta destapou a irregularidade que pillou por sorpresa a Bugallo. Días despois, o concelleiro Pichel vese obrigado a dimitir. Logo, os populares de Verea levaron o caso á xustiza, unha acción na que os socialistas só ven fins electoralistas.
Por se foramos poucos, o exalcalde de Santiago polo PPdeG, Gerardo Conde Roa, pariu un artigo en El Correo Gallego titulado “Tranquilo, Pepe, tranquilo” no que pasa factura e responde á atribución do estilo Conde Roa feita por Bugallo ao actual candidato popular, Borja Verea. Como afectará todo isto aos comicios? Verémolo o 28 de maio.
A quen vas poder votar en Galicia o 28M?
Esta semana fixéronse oficiais as listas electorais para as eleccións municipais do próximo 28 de maio. Praza.gal recolle nesta reportaxe infográfica as candidaturas que haberá en todo o país. O único partido que logra presentarse en tódolos concellos é o PPdeG, mentres que o PSdeG só lle quedaron oito por cubrir e ao BNG corenta e oito.
Marcos Pérez Pena sinala nesta peza que 33 concellos contarán con só dúas listas e 133 farano con tres candidaturas. Fóra do habitual, destaca o medre territorial da forza da ultradereita Vox, que pasou de presentar 13 listas no ano 2019 a conseguir 39 candidaturas para este mesmo ano, mentres que Ciudadanos amosa o seu declive cun descenso pronunciado de listas, estando presente só en 13 concellos.
Na nova podes afondar máis nos datos e incluso viaxar polo mapa interactivo no que poderás ver cantas papeletas vas ter no teu colexio electoral o próximo 28 de maio.
Última parada: Pontevedra
De Compostela collemos o tren dirección Pontevedra na que será a última das nosas sete viaxes nas cidades galegas. No feudo dos nacionalistas, o BNG volve apostar por Lores para reter a alcaldía. Pola súa parte, o PSdeG aposta pola xuventude de Iván Puentes para mellorar os resultados nunha cidade que se lle restiste. O PPdeG mantén a Rafa Domínguez como candidato e as enquisas dánlle unha boa perspectiva electoral. Por último, Ciudadanos confía en David Díaz para tentar manter a representación na praza de España.
Coma sempre, lembra que para facer sustentable o noso proxecto podes colaborar connosco no noso Patreon. Faite mecenas! 😊