Últimos días previos ás eleccións galegas máis impredicibles
Estes días puidemos ver o debate da CRTVG, o único ao que se vai presentar Alfonso Rueda, e analizar numerosas enquisas antes do apagón que comezou este luns
Despois de máis dunha semana de campaña na que vivimos os tradicionais actos por parte de tódolos partidos e un debate da CRTVG, volvemos coa newsletter para enfrontarnos aos últimos días antes dos comicios. Como sempre, hai moito do que falar, así que imos con iso!
O debate organizado pola CRTVG, ao que acudiron os e as líderes do PPdeG, BNG, PSdeG, Sumar Galicia e Podemos, presentábase como unha oportunidade para que Alfonso Rueda mostrase a estabilidade da que falan nesta campaña fronte a catro forzas que se teñen que poñer de acordo. Con todo, cada un dos partidos da esquerda foi quen de asumir o seu papel, convivindo en harmonia durante prácticamente todo o encontro.
O líder dos populares puxo os seus empeños en por sobre a mesa temas estatais como Catalunya, mentres que o resto de forzas introduciron cuestións como a situación da TVG e os Venres Negros, a lingua ou a industrialización. Podes escoitar unha análise en profundidade do debate no 4x11 de Carretando, coas xornalistas Belén Teiga, Ana Luisa Bouza e David Lombao e o analista Manuel Ortigueira.
Este mércores día 14, nada máis e nada menos que en San Valentín, Gómez Besteiro e Ana Pontón veranse as caras no debate de RTVE. El e ela a solas, posto que o PPdeG rexeitou aparecer nel. Xustamente outra das preguntas que nos facemos no programa é canto pode afectar a Alfonso Rueda non acudir a unha cita así de importante.
O día que se coñeceu a noticia, Xabier Fortes, xornalista de RTVE e moderador do debate, lembrou o que lle pasou a Feijóo nos últimos comicios e incidiu en que son os xornalistas quen deciden os debates, non os partidos. Isto fíxoo ante a proposta do PPdeG por facer un cara a cara cunha persoa representante do que sería o goberno progresista.
Asemade, a semana pasada celebramos xunto a OU ké! un debate mozo. Nicole Grueira de Novas Xeracións (PPdeG), Marta Gómez de Galiza Nova (BNG), Xurxo Doval de Xuventudes Socialistas (PSdeG) e Pablo Calviño de Sumar Galicia falaron sobre temas que afectan á mocidade como a saúde mental, a vivenda ou a educación. Tes dispoñible o debate mozo completo no YouTube de OU ké!
As enquisas, no limbo
A meirande parte das sondaxes publicadas apuntan a unha maioría absoluta moi axustada para o PPdeG, situandoos sobre os 38 escanos, xusto o necesario para non perdela. Estes resultados veñen acompañados dunha subida histórica do BNG, que semella que vai mellorar con creces os resultados ata chegar aos 22 representantes como mínimo.
As enquisas mostran a un PSdeG estancado ao redor dos 13-14 escanos. Mentres, con respecto a DO e Sumar Galicia non hai grandes cambios. Os datos sinalan que ou non obterán representación ou que os ourensáns entrarán con un e a formación de Marta Lois con un ou dous. Recomendámosche ver a fondo os datos nesta peza de Praza na que Marcos Pérez Pena explica como pechan as enquisas.
O luns 12 de febreiro foi o último día no que se permitía publicar sondaxes e o máis esperado era o preelectoral do CIS. Esta enquisa é a máis negativa para os populares, tendo o mínimo en 34 escanos e o máximo en 38. Tampouco deixa en moi boa situación ao PSdeG, cunha baixada que podería chegar aos 9-14 deputados.
Pola contra, é a sondaxe que mellor resultado lle augura ao BNG, cunha ampla orquilla entre os 24 e os 31 asentos. O partido está nunha clara tendencia ascendente na que chegaría ao 33,4% de intención de voto e cunha grande porcentaxe de votantes entre as persoas menores de 44 anos. Ademais, Ana Pontón continúa sendo a mellor valorada cunha puntuación de 5,89, seguida do presidente en funcións cun 5,29 e de Gómez Besteiro, cun 4,85.
Sumar Galicia e DO manteñen os mesmos números que nas anteriores, entre 0-2 para a formación progresista e 0-1 para os ourensáns. Asemade, como sorpresa, esta é a única enquisa que lle dá posibilidades de entrar a Vox cun asento. Compre sinalar tamén que o 23,7% de persoas enquisadas están indecisas sobre a quen votar.
Das aulas a San Caetano
Por fin sacamos a nosa gran sorpresa da campaña! Esta semana estaremos publicando as entrevistas que fixemos ás candidatas de Sumar Galicia e BNG e ao candidato do PSdeG. Esta serie de ‘As aulas a San Caetano’ comeza coa conversa con Marta Lois, líder da formación que se presenta por primeira vez aos comicios galegos.
A través deste diálogo puidemos repasar a súa traxectoria desde a universidade ata a política local da man de Compostela Aberta, a estatal con Sumar e agora o proxecto que encabeza en Galicia. Tamén falamos das medidas prioritarias para a formación e sobre posibles pactos a partires do 19 de febreiro.
Non queríamos perder a oportunidade de facerlle unhas cuestións un pouco máis persoais e introducimos unha serie de preguntas rápidas entre as que tivo que definir cunha palabra a unha serie de persoas da política galega e estatal. Se che gustan este tipo de contidos, lembra apoiarnos a través de Patreon! Estamos poñendo moito esforzo e tempo neles para que sexan da mellor calidade 💝