Tres recomendacións xornalísticas
Bos días!
Nesta nova edición da Newsletter traémosvos outros dous artigos ligados ao fútbol, o último tema que tratamos no podcast, e un bonus extra relacionado co noso primixéneo 'A hexemonía do PPdeG'.
"Os xogadores non sairemos ao campo": o ano en que o Celta secundou 2 folgas xerais
Malia os intentos de desvincular no contexto actual o fútbol das loitas sociais, moitas veces a conciencia imponse sobre o negocio. Neste artigo, publicado en Nós Diario, repásase a participación do plantel do Celta de Vigo nas dúas folgas xerais convocadas hai case unha década.
Malia ser un equipo cunha marcada tradición de loita obreira, este feito non deixa de ser chamativo, xa que foi un dos poucos conxuntos que se sumou ao paro. Reunidos en asemblea, xogadores do nivel de Iago Aspas, Hugo Mallo ou Borja Oubiña, decidiron non saltar ao campo nin realizar ningunha actividade nesas xornadas, apoiando as reivindicacións contra a reforma laboral e os recortes sociais.
As orixes do foot-ball en Ribadavia (1910-1923)
Neste artigo publicado na Revista Mazarelos, Mateo Martínez aborda o nacemento do fútbol na capital do Ribeiro. Dúas persoas pertencentes á pequena burguesía local foron os causantes de que este deporte, ao igual que outras actividades culturais, agromaran na vila provintes de entornos máis urbanos.
Martínez amosa tamén a evolución do fútbol, pasando de ser un deporte usado polas clases altas, a modo de distinción, a ser parte dunha práctica de masas. Isto reflíctese a partires dos diferentes equipos e asociacións que se van creando en Ribadavia. É por iso polo que as personalidades políticas comezan a utilizalo como unha ferramenta para mellorar a súa imaxe e percepción cara esas mesmas masas.
Por que gaña o Partido Popular en Galicia?
Nun completo dossier de sesenta páxinas, as compañeiras de A Xanela procuran responder a esta cuestión, tal como fixemos nós no noso primeiro podcast. Maioría absoluta tras maioría absoluta, o Partido Popular foi alimentando a imaxe de ser invencible e de non existir alternativa ao seu modo de goberno no país.
Da man de dez persoas pertencentes á sociedade civil e á clase política galega reflexionarase arredor desta cuestión apuntando diferentes factores como a utilización das institucións, o desleixo da esquerda ou a construcción do pobo galego a imaxe e semallanza do partido. É Galicia de dereitas? Marta Lois, Miguel Anxo Bastos, Luca Chao ou Olalla Rodil, entre outras, aportarán a súa visión para darlle resposta.
Ata aquí as nosas recomendacións desta semana. Agardamos que as desfrutedes tanto coma nós!
Non vos olvidedes de escoitar os nosos podcasts nin de prestar atención ás nosas redes, que pronto sairán novidades.