Un paseo por María Pita
Viaxamos á Coruña para preguntar sobre os temas máis soados da campaña e aproveitamos para presentarvos aos candidatos ás alcaldía de Ferrol.
Hai unha semana que publicamos o podcast sobre A Coruña, unha cidade que está en constante actualización. A modernidade, a seguridade e a peonalización da urbe son só algúns dos temas que saíron nesta campaña que aínda está comezando. Neste segundo programa acompáñannos a redactora de La Opinión de A Coruña, Marta Otero, e o xornalista de Radio Coruña Cadena Ser, Pablo Díaz, dous profesionais da comunicación que coñecen á perfección a situación da Coruña. Ambos concordan en que as propostas dos partidos e os seus discursos están bastante claros, mais os modelos de cidade a longo prazo non.
Como xa sabes, en cada programa convidamos aos candidatos dos diferentes partidos a que nos aporten o seu minuto de ouro. Esta é a última sección dos podcasts, na que os representantes comentan o que queren aportar, neste caso, á Coruña. Así pois, neste 3x02 podes escoitar a Inés Rey, Miguel Lorenzo, Francisco Jorquera, Xan Xove e José Manuel Sande e as súas propostas.
Agardamos que xuntando os minutos de ouro dos candidatos e as reflexións dos xornalistas Marta Otero e Pablo Díaz poidas sacar as túas propias conclusións e coñecer mellor a situación da urbe de cara ás eleccións municipais. Podes escoitar o podcast en iVoox, Spotify e Apple Podcast.
Dúas lecturas sobre A Coruña
Como sempre, en Carretando botamos a vista atrás para coñecer a fondo a historia política da cidade coruñesa. Por iso hoxe traemos dúas recomendacións diferentes ao que podedes escoitar no noso podcast.
Se desexas ver o que aconteceu durante o goberno da Marea Atlántica, achegámoste unha lectura singular enmarcada dentro dun xénero pouco explorado no sistema literario galego: o da ficción política. Pazo de Inverno, a novela de Alberto Lema —concelleiro da Marea— é un texto que mostra as tensións e as emocións que agromaron entre 2014 e 2019 na xestión da metrópole herculina.
Unha historia que cumpre unha dobre función: abarca a complexidade dese período político, tan interesante e intenso, pero tamén fai memoria; repensa o que aconteceu na Coruña e reflexiona sobre o funcionamento da institución local dende a relación entre ediles-funcionariado. O curto e o longo prazo. O dinamismo e o estatismo.
Todo isto está na cidade de Faro que se desenvolve nas páxinas de Pazo de Inverno, tan atlántica, tan socioloxicamente semellante á Coruña. Unha novela para ver o pasado e presente políticos doutra forma.
Para comprender o que é hoxe A Coruña, hai que falar de Paco Vázquez. O socialista foi alcalde da cidade dende 1983 ata 2006 e, por se non o coñeces, é un político co que tenden a comparar a Abel Caballero.
Paco Vázquez fotografado por Picado no Palco da Música en A Coruña. Fonte: Quincemil.
O xornalista Pablo Grandío realizoulle unha entrevista en profundidade para Quincemil en 2019. A lectura permite coñecer a este político de primeira man, dende os inicios do PSOE tras a ditadura ata as súas opinións actuais. A través das súas respostas viaxamos ata importantes negociacións como as do Paseo Marítimo da Coruña e as da autovía a Galicia. Ademais, Paco Vázquez fala moito do seu modelo de cidade, un concepto que nos parece fundamental, onde a empresa privada tiña un papel moi relevante.
Algunhas das súas respostas non deixan a ninguén indiferente. Porén, consideramos que a entrevista pode axudar a entender o que foi e o que é Paco Vázquez, aparte de que repasa en profundidade algunhas das súas medidas máis destacadas durante os 23 anos de alcaldía.
Próxima parada: Ferrol
A nosa viaxe fai unha parada nun destino preto da Coruña. Ferrol é unha desas cidades nas que as enquisas apuntan a un posible cambio na alcaldía. No podcast do próximo xoves trataremos de poñerte ao día da súa situación política, pero antes de nada adiantámosche quen son os candidatos para as municipais do 28 de maio.
Lembra que podes apoiar o noso proxecto a través de Patreon e seguíndonos nas nosas redes sociais. Grazas por ler a nosa newsletter, agardamos que a desfrutaras! 😊