Un repaso polo noso 2021
Dende a hexemonía do PPdeG ata os inicios de Abel Caballero, aquí atoparedes os contidos que xa forman parte do noso nacemento; moitas rutas compartidas a través do pasado e o presente de Galiza!
O xa pasado 2021 foi o ano no que decidimos sacar adiante este humilde proxecto que é Carretando; un grupo de xornalistas e politólogos subímonos a unha autocaravana para percorrer Galiza en busca de historias, mais tamén para achegar novas miradas sobre a política galega tanto no eido xornalístico coma dende a divulgación máis teórica.
Ao longo destes meses afondamos en diversos temas con diferentes protagonistas e formatos que nos axudaron a entender mellor esta realidade complexa, de respostas múltiples, e coa constante pretensión de afondar no pasado, no contexto e na interpretación, de cara a aproximarnos con maior calidade ao presente. Nesta newsletter facemos un repaso de todos os camiños e vieiros que percorrimos xuntas, sempre coa esperanza de que aínda queden moitos itinerarios para compartir convosco.
A hexemonía do PP en Galiza
No primeiro podcast reflexionamos sobre o primeiro que se nos ven á cabeza cando falamos de política galega: o PPdeG. Conducimos ata a etapa de Fraga para poder entender esta consolidación do partido na Xunta e fomos avanzando ata a actualidade. Comprobamos a importancia dese “galego coma ti”; a necesidade de contar cunha gran estrutura de partido por detrás; como evolucionou o PPdeG no seu emprego do folclore e da “identidade galega”. Para entendelo mellor, subíronse á nosa autocaravana Xosé Luís Barreiro Rivas, Miguel Tellado, Cristina Cid e Lois Lado.
A mocidade coma suxeito político
Na segunda viaxe falamos dun tema que nos afecta de forma directa como é a implicación da mocidade na política. Expuxemos a nosa perspectiva abordando cuestións como a escasa representación institucional e as novas formas de participación social: a ciberpolítica, a introdución das redes sociais na nosa cotiandade, o efecto do 15-M na nosa visión persoal e configuración ideolóxica… No programa falamos con Daniel Castro, quen se convertiu en 2020 no deputado máis novo da historia do Parlamento galego.
Os concellos do cambio
Na seguinte entrega fixemos un programa íntegro sobre un suceso moi importante da historia recente de Galiza. O éxito dos gobernos do cambio foi un elemento nuclear na estruturación política do país. Marea Atlántica, Compostela Aberta e Ferrol en Común constituíronse coma os tres grandes triunfadores das eleccións municipais de 2015, aportando tamén unha organización política de considerable corte local, xunto con novas formas de relacionarse coa cidadanía. Para afondar no tema puidemos manter unha interesante conversa retrospectiva con Martiño Noriega e Xulio Ferreiro, dous dos alcaldes do cambio, sobre a experiencia nos seus respectivos gobernos.
O dominio do Xacobeo
Tras un parón necesario polo fin de carreira de gran parte do equipo e coa mirada posta en esclarecer as liñas a seguir dentro do proxecto, en outubro comezamos a nosa segunda tempada. Arrancamos falando dun tema protagonista neste 2021-2022: O Xacobeo. Trazamos a súa xenética (cando naceu, por que e para que) e analizamos o impacto deste relato turístico, social e cultural no territorio galego; falamos tamén do Xacobeo utópico e dos retos aos que se enfronta no futuro, sobre todo no relativo á vinculación emocional coa poboación galego.
O fútbol e a política
Chegamos ao deporte rei por excelencia para reflexionar sobre as implicacións sociais e políticas de algo tan importante no noso territorio como é o fútbol. Facemos unha viaxe dende o seu nacemento enmarcado na loita de clases ata a “despolitización” actual. A través das voces dos xornalistas Álex Gesto e Afonso Eiré, así como da xogadora Paula Dapena, intentamos ofrecer unha visión alternativa do fútbol: unha estrutura de gran poder simbólico máis comprometida, máis popular e marcadamente máis social que a actual.
Abel, máis alá das luces (Parte I)
Por último e para despedirnos do ano, decidimos facer un especial de Nadal centrado nun dos alcaldes máis mediáticos do momento: Abel Caballero. Comezamos cunha primeira parte sobre a vida do socialista antes de chegar ao posto que o encumbraría coma fenómeno viral. Unha mirada ao pasado permítenos coñecer ao Abel ministro, o seu fracaso nas eleccións á Xunta ou o seu traballo no porto, sempre a partir dun perfil tecnocrático e sobrio.
Agardamos que desfrutárades destas historias ao noso lado. É tamén o noso compromiso: informar, interpretar e entreter dentro das nosas posiblidades! Este 2022 comezamos forte coa segunda parte do especial de Nadal, pero con máis novidades que descubriredes pronto. Para nós é un orgullo que sigades aquí, sendo parte do proxecto. Escoitámonos! Vémonos pola autocarana.