Un repaso polo noso vieiro cara o 18F
As eleccións sempre son un período especial para nós e nestas galegas puidemos ir máis aló do habitual, con novos formatos e sinerxias
Xa rematamos coa etapa electoral e volvemos á normalidade, sen demasiados cambios. Alfonso Rueda foi quen de manter unha maioría absoluta incontestable nuns comicios cunha participación de case o 70%. O BNG fixo unha campaña impecable, pero os populares foron quen de mobilizar ao seu electorado a través dun discurso que apelaba ao rexeitamento a Bildu.
Ana Pontón volveu a bater un récord e conseguiu os mellores resultados da historia da formación nacionalista con 25 deputados. A pesar diso, non conseguiron o obxectivo de entrar no goberno da Xunta. A líder quixo ser positiva e márcase como prioridade manter a ilusión que tiveron os galegos e galegas o 18F para os próximos comicios.
Mentres estes dous partidos se posicionaron cuns discursos diferenciados e como as dúas posibilidades reais de goberno, o PSdeG non foi quen de facer unha campaña cunha mensaxe clara que calase na xente. Con todo, José Ramón Gómez Besteiro xa anunciou que se vai centrar en Galicia e semella que os socialistas van ter por fin un líder estable. Veremos se son capaces de asentar un proxecto cun discurso claro para facer forte ao bloque da esquerda.
Finalmente Democracia Ourensana conseguiu un deputado. Armando Ojea pasará os próximos catro anos en Santiago, sendo a novidade da lexislatura e representando a unha forza populista á que non estamos acostumadas en Galicia. A pesar disto, Jácome tampouco tivo a súa mellor noite ao non ser “chave” de goberno como el mesmo repetía. A medida que avanzaba o reconto, o PPdeG perdeu todos os medos e DO pasou a ser indiferente.
Xa falamos das forzas que acadaron representación. Sumar Galicia, Podemos e Vox quedaron lonxe de obter deputados despois dunha campaña na que o voto se centrou principalmente no PPdeG e no BNG. A forza encabezada por Marta Lois comezara ben nas enquisas, mais co paso das semanas viuse complicado que chegara a ter eses números.
Con todo, nestas eleccións houbo algo que cambiou. España tiña o foco posto en Galicia e a campaña ilusionou e mobilizou á xente, cando estamos acostumadas a que os nosos comicios pasen un pouco desapercibidos. Semella que agora si que se vai a comezar a falar da política galega e que os partidos da esquerda van empezar a ter unha presencia diferente nestes catro anos.
Das aulas a San Caetano
Desde a nosa humilde posición, mantivémonos no papel de divulgación e análise. Desta vez quixemos dar un paso máis e entramos de cheo no audiovisual grazas a Alberto da Silva Castro e Celia Eiras, Aldara Castro, Nerea Guerreiro e Álvaro N. Lamas. Con eles e elas puidemos facer entrevistas en vídeo a Marta Lois, José Ramón Gómez Besteiro e Ana Pontón nesta edición chamada Das aulas a San Caetano.
O noso obxectivo con estas conversas era dar a coñecer ás candidatas e ao candidato dunha maneira máis persoal, falando da súa traxectoria política e da súa visión sobre temas concretos. Se ben os comicios do 18F son unha parte importante das entrevistas, non queríamos que o abarcaran todo. Para nós sigue a ser unha prioridade facer contidos lentos que se poidan ver independentemente da actualidade.
Por iso esta serie de Das aulas a San Caetano ten sentido incluso unha vez pasados os comicios. Agradecer tamén ao equipo das candidatas e do candidato por facilitar as cousas nuns momentos tan complicados e tamén ás protagonistas por vir, sentarse diante nosa e ofrecernos unhas respostas tan interesantes.
Ana Pontón, José Ramón Gómez Besteiro e Marta Lois son pasado, presente e futuro da política galega. Agardamos que este non sexa o noso único encontro con elas! Queremos salientar a implicación e axuda dos seus equipos de comunicación para poder axendar as entrevistas en datas tan complicadas. Grazas Andrea, Tareixa, Miguel, Mar, Iván e Pablo; por isto e por todo o traballo feito na campaña.
Novos formatos con OU ké e moitos faladoiros
Ao longo destas semanas tivemos o gusto de traballar man a man cos compañeiros e compañeiras de OU ké. Xunto a eles organizamos o Debate Mozo, o noso primeiro evento presencial na Facultade de Ciencias da Comunicación. A pesar dos problemas co directo, que implicaron que non se puidera emitir en streaming e fose subido a posteriori, foi un dos momentazos da campaña.
Con este debate quixemos darlle voz a algunhas das caras máis mozas dos partidos e que foran elas as que falaran sobre os temas que máis lle preocupan á xuventude. Así pois, Nicole Grueira, Xurxo Doval, Marta Gómez e Pablo Calviño debatiron sobre algunhas das cuestións chave nestes comicios como a saúde mental, a educación ou a emancipación.
Queremos expresar o noso agradecemento especial a Candela, Iria, Yaiza, Xulia, Reyes, Manolo, Manuela e Miguel, xa que sen a súa colaboración e apoio este formato non se podería levar a cabo. Facémolo extensible tamén a todo o persoal da Facom da USC que nos sorportaron e axudaron durante horas vagando polo edificio deseñado por Siza.
Ademais, puidemos vivir o reconto electoral desde a sede dos partidos no directo da noite electoral de OU ké. Carmen del Río, Lucas Álvarez e Román Varela fixeron de correspondentes nas localizacións escollidas polo BNG, PPdeG e PSdeG. Analizaron como estaba o ambiente, acudiron ás roldas de prensa e sacaron as súas conclusións sobre os resultados pouco despois de sabelos.
Aparte das colaboracións e as entrevistas, seguimos cos nosos podcasts habituais. Despois do preelectoral cos membros de Carretando, publicáronse tres episodios máis nos que se falou de como avanzaba a campaña, dos debates e analizouse a comunicación política de cada partido.
Tamén se fixeron moitas porras, pero creo que ninguén agardaba un resultado como o que coñecimos o pasado domingo. Aínda así, haberá que investigar a ver quen estivo máis preto de levar unha cunca 👀
Grazas por acompañarnos nestes comicios, a todas aquelas persoas que xa estábades e ás que vos sumastes agora. Como sempre, lembrar que os únicos ingresos que gañamos en Carretando son a través do noso Patreon. Lémonos e escoitámonos pronto!