Unha panorámica dos comicios portugueses
A celebración hoxe mesmo das Legislativas 2022 levounos a contextualizar o taboleiro político previo ás eleccións.
Dende Carretando quixemos achegar unha mirada contextual e interpretativa sobre as eleccións portuguesas que se realizan hoxe mesmo, 30 de xaneiro. Nesta última semana, e a través do relato fragmentado das nosas redes sociais, afondamos brevemente na situación dos partidos políticos e principais figuras que compoñen o panorama xeral de Portugal.
Se estás interesadx no que acontece este domingo no país veciño, mais non sabes moi ben por onde empezar, bota unha ollada aquí embaixo, porque atoparás varios fíos para non confundir (con razón) ó Partido Social Demócrata -PSD, centrodereita tradicional- de Rui Rio co Partido Socialista -centroesquerda- de António Costa; para entender os percorridos vitais dos principais líderes e, tamén, para reflexionar sobre o espazo da ultradereita en Portugal.
Saímos!
FÍO I: Que pasou para chegar ás eleccións lexislativas anticipadas?
O termo "Geringoça" (chafallada) foi un dos conceptos que máis calaron tanto no discurso diario portugués coma nas análises galegas e españolas. A Geringoça converteuse, nos seus inicios, nun exemplo de exercicio democrático e de coalición de esquerdas, sempre comparado coas relacións que mantiñan en España PSOE e Unidas Podemos.
Mais na actualidade, vemos esgotado o espírito inicial da Geringoça e as relacións sólidas dos seus actores políticos. Que aconteceu? En que contexto estamos? Neste fío atoparás algunhas respostas!
FÍO II: Quen é António Costa e como acabou liderando o Partido Socialista (PS)?
António Costa converteuse nun dos máximos representantes da socialdemocracia en Europa, amais dunha das figuras máis críticas coas medidas de austeridade que se levaron a cabo en Portugal entre 2011-2015, da man dos seus rivais ideolóxicos: a centrodereita do Partido Social Democrata (PSD).
Que fixo Costa para tensionar a Geringoça? Ese home que, este domingo, pode converterse no Primeiro Ministro con máis tempo no cargo desde a Revolución dos Cravos. Pois no segundo fío, as respostas.
FÍO III: A alternativa do Partido Social Democrata (PSD) de Rui Rio
No outro lado da ribeira ideolóxica, a centrodereita reconfigurouse tras a marcha de Passos Coelho, a persoa que aplicou as medidas de austeridade económica durante a Gran Recesión. A chegada de Rui Rio, moderado, tecnócrata, axudou a rescatar dunha esquina marxinal ó partido conservador tradicional.
No terceiro fío presentámosvos á principal alternativa de António Costa nestas Legislativas 2022!
FÍO IV: Como é a ultradereita portuguesa e que relación mantén con outras formacións políticas?
Ata 2019, España e Portugal considerábanse dúas excepcións á situación sociopolítica que se vivía no resto de Europa. O auxe da ultradereita quedaba reducido á inexistencia parlamentaria na Península Ibérica, mais o contexto cambiou radicalmente coa chegada, en diferente grao e intensidade, de Vox e Chega! (Basta!), respectivamente.
Canto marxe de maniobra terá a ultradereita portuguesa a partir deste domingo? Esa é unha das claves dos comicios portugueses. Mais primeiro coñezamos ao seu líder, André Ventura, e o contexto do seu nacemento…
A igualdade entre as dúas candidaturas máis fortes abre grandes incertezas en Portugal, convertido nunha sorte de laboratorio de experimentación para a modernización do ideario socialdemócrata máis clásico. Nesta rede de fíos intentamos divulgar e aclarar un pouco o complicado taboleiro político que se despregará hoxe, pero tamén nas futuras xornadas de máis que posibles negociacións entre os principais actores lusos.
No tinteiro fican unhas cantas cuestións e análises, certo! Por iso prometemos algunha que outra novidade máis para construír unha visión das Legislativas 2022 en clave galega.
Apertas, carretanders! Bo domingo!