Unha parada para repostar
Queremos agradecervos unha vez máis a vosa acollida. Porén, precisamos un tempo para repensar o proxecto e voltar con máis formatos e contidos que aseguren a continuidade de Carretando a longo prazo.

COMUNICADO
A ITV de Carretando
Ningún dos integrantes do equipo de Carretando esperaba unha acollida coma a que vivimos durante estas semanas de actividade. Agardábamos que as nosas rutan foran escoitadas polos nosos pais, parellas e amigos, por ese círculo de proximidade e de apoio, pero superáronse todas as expectativas. Había necesidade de articular e construír un espazo onde falar da política galega dun xeito constructivo e mediante o xornalismo interpretativo e a divulgación politolóxica, máis tendo en conta que no contexto galego non existía ningún formato que combinara estes treis eixos, os que hoxe vertebran o noso proxecto.
Chegaron as primeiras publicacións nas nosas redes e co paso das semanas, tamén o primeiro programa; fostes moitos os que o escoitáchedes ou os que nos seguisteis polas nosas redes sociais, e tamén houbo debates orgánicos sobre o tema tratado. Nese episodio, pero tamén nos restantes, foi vital o bo trato por parte das fontes coas que contactamos, sempre dispostas a participar. Por iso, cómpre aproveitar este breve texto para agradecerlles, unha vez máis, a súa participación e amabilidade, e a constatación da posibilidade de tratar a política dende novas perspectivas.
Estamos moi contentos co resultado das nosas tres primeiras rutas, todas elas sometidas en gran parte á experimentación; aprendemos a traballar co podcast sobre a marcha, intentando depurar cada vez máis os nosos programas no nivel formal e no nivel de contidos e xogando, sempre, co pouco tempo á nosa disposición. Ao fin e ao cabo, para conseguilo dedicamos horas e moitos esforzos, sen apenas pausa para un e outro; contactar cos participantes dos podcast e da newsletter, xerar contidos para as redes sociais, documentarnos, editar… todo iso leva tempo, xa considerado coma ben escaso neste momento do curso: todos somos estudantes, moitos no último ano do grao, e partimos dunha carga de traballo abundante. Por iso, e polo respeto que temos ao traballo xornalístico que realizamos e aos ouvintes que nos acompañan, decidimos parar coa publicación de contidos.
Ante nós, temos uns retos que queremos asumir e sobrepasar. Queremos e necesitamos, neste período de calma do podcast, establecer as vías de expansión do proxecto; queremos facelo real e sólido, duradeiro a longo prazo, e incorporar novas plataformas abertas a favorecer a conversa convosco, cos que estades xa subidos en Carretando, e os que tamén están por chegar. Falar, interactuar, compartir, debater… todos verbos chaves dos que partir nun diálogo conxunto sobre política. Sen berros, sen insultos, aproximándonos o máximo posible ao coñecemento compartido. En esencia, queremos camiñar cara a consolidación dun espazo completo sobre a política galega, mais pensando ben os seus alicerces e a súa visión de futuro. Temos que ver ata onde queremos chegar e como facelo realidade. Desexamos que Carretando medre, cambie e madure igual ca nós. A iso imos durante este parón.
Grazas pola vosa acollida. Seguimos!!