Unha viaxe polo modelo turístico galego
Esta cuarta tempada comeza cun tema que foi chave nos comicios municipais e que seguirá moi presente nesta campaña
O turismo é un tema que está moi presente en Galiza dende a pandemia da Covid-19. Esta cuestión marcou boa parte da axenda nas eleccións municipais e sgue aparecendo en titulares na actualidade. Por isto iniciamos esta cuarta tempada abordando o modelo turístico galego, tendo en conta a amplitude do noso territorio e a complexidade da cuestión.
No podcast tratamos de coñecer os aspectos positivos e negativos da implosión deste sector. A complexidade de atopar un modelo sustentable no turismo, a responsabilidade que recae no visitante e o impacto na economía local son algúns dos temas que se repiten ao longo do episodio. Tamén reflexionamos sobre medidas que se poden aplicar ante esta situación, como a taxa turística ou aquelas que motiven a desestacionalización.
Fixemos esta viaxe acompañados polo tradutor do libro Contra el turismo (Ediciones El Salmón) de Rodolphe Christin, Salvador Cobo; a doutora en Dirección e Planificación do Turismo e profesora do Departamento de Socioloxía na Universidade da Coruña, Iria Caamaño Franco; e a doutoranda na mesma universidade, Begoña Muíño Sar. A través de diferentes percepcións sobre a situación e as problemáticas do sector puidemos ter unha visión ampla sobre o modelo actual.
O Camiño de Santiago, no centro
Por moito que no podcast quixésemos escapar un pouco do centralismo que hai con Santiago, a realidade é que a cidade é a imaxe perfecta das consecuencias do turismo. A día de hoxe, a capital galega ten problemas de masificación, de acceso á vivenda e de perda de identificación.
Esta situación vén motivada polo modelo do Xacobeo, baseado en superar unhas cifras récord ano tras ano. Con esta cuestión abrimos a nosa segunda tempada, cun programa no que debatimos sobre a balanza entre a compensación económica e os problemas socioculturais. Se queres complementar este último podcast con outro centrado en Santiago, non dubides en voltar a este 2x01.
Buscando produtos culturais que recomendarche, atopámonos con (Des)facendo Barrio, un documental transmedia sobre como afecta a turistificación e a xentrificación ao Barrio de San Pedro, en Compostela. Os creadores desta idea son os xornalistas Érika Martínez e Samuel Pérez, cos que tivemos o gusto de ter unha conversa para o noso Patreon.
Ao longo deste documental transmedia podes atopar declaracións de veciños e veciñas do barrio. Nelas vese claramente reflectido o tipo de vida que defenden os habitantes de San Pedro, quenes queren desfrutar do comercio local e das rúas da zona en familia. Este ideal vese truncado por ser a “autopista” dos peregrinos e peregrinas á Catedral, situación que leva complicacións como a masificación da rúa principal, o ruído ou a suba do prezo do aluguer.
(Des)facendo Barrio xa está dispoñible por Instagram e TikTok, onde os xornalistas van subindo contidos das entrevistas. Ten a mirada posta nas súas redes sociais porque aínda falta coñecer a data de estrea do vídeo documental. Algúns membros de Carretando tivemos a sorte de velo en primicia e non o podemos recomendar máis!
Se queres ter acceso a contidos extra como a conversa con Érika Martínez e Samuel Pérez ou as curiosidades que publicamos sobre a política galega, faite mecenas no noso Patreon!