Unha viaxe polo país veciño
No noso último podcast falamos con Tereixa Constenla e Anxo Lugilde sobre a situación política de Portugal e os seus comicios.
No noso último podcast viaxamos por terras portuguesas e aprendemos moito sobre a súa organización política e social. Tamén nos decatamos do doado que era entender as novas dos xornais portugueses ou as declaracións orais das políticas, e dese tema falaron os nosos colegas do Té con Gotas nun dos seus últimos programas. En que situación está o ensino da lingua portuguesa no noso país? Estase a facer algo para mellorala? Ten moita dificultade acadar un nivel alto de portugués para unha persoa galegofalante? As respostas a esas cuestións atoparalas neste podcast. A nós ata nos deu impulso para querer anotarnos nunha academia.
A RECOMENDACIÓN: Glória do Ribatejo, a vila portuguesa na que se decidiu o mundo
A oitenta kilómetros de Lisboa ubícase unha vila de tres mil habitantes. Glória do Ribatejo dá nome a unha vila do interior português pertencente á freguesía de Salvaterra de Magos. Rúas empedradas rodeadas de pinares e pastos, berce do Fandango Ribatejano e da açorda à alentejana, unha sopa de orixe humilde feita con pan duro en rebanadas, allo, coandro e aceite de oliva. Un lugar que emana a tradición e tranquilidade portuguesa, ás veces confundida co simple tedio dunha zona cada vez máis despoboada.
Porén, esa sensación que experimentaban os seus veciños foi interrompida durante os anos sesenta ao converterse nun campo de batalla propagandística da Guerra Fría. En Glória atopábase a sede da RARET, a transmisora da Radio Europa Libre que os estadounidenses instalaron para emitir propaganda occidental nos países do bloco de leste co obxectivo de levar aos pobos locais a rebelárense contra os réximes comunistas.
Portugal era membro fundador da OTAN e a base aérea das Lajes, nos Azores, xa existía desde 1930. Salazar, dictador do Estado-Novo portugúes, defendía un réxime tercerposicionista, un termo que foi aplicado ás correntes políticas que buscaban salientar a súa posición contraria tanto ao comunismo como ao capitalismo, sendo anticomunistas e antiliberais. Aínda así, ao concluír a II Guerra Mundial, Salazar optou por un achegamento con Estados Unidos para aliviar a presión tanto externa como interna por unha apertura política que non desexaba conceder. E o seu réxime -o Estado Novo ou salazarismo- logrou sobrevivir e perdurar ata a Revolución dos Caraveis en 1975.
Nestas condicións e clima político contradictorio, o propio Salazar deu a man aos americanos para combater aos comunistas soviéticos a partir do Ribatejo a través dunha opaca operación. O comezo das emisións implicou que a Unión Soviética despregara en Glória a intelixencia da KGB para sabotar as emisións da RARET.
Os veciños percibían que algo raro sucedía, mais o progreso económico que trouxo esta operación -os americanos construíron unha escola, unha piscina, campos para facer deporte, un paritorio, etc.- evitaba as preguntas incómodas. Con todo, a tranquilidade tornouse en desconfianza e moitos veciños en espías.
Este apaixoante momento da historia lusa é narrado dun xeito maxistral pola serie ‘Glória’, a primeira produción portuguesa na plataforma Netflix. Un thriller de espionaxe dirixida por Tiago Guedes e guionizada por Pedro Lopes.
‘Glória’ percorre esta historia da man de João Vidal -interpretado por Miguel Nunes-, un veterano da guerra en Angola -entón colonia portuguesa en rebelión-. Vidal é un enxeñeiro de familia acomodada material e politicamente -o seu pai é un alto funcionario do réxime que imperaba en Portugal-. O protagonista chega a Glória do Ribatejo para traballar en RARET, a transmisora da Radio Europa Libre.
Os dez episodios de ‘Gloria’ xiran ao redor dunha infiltración soviética en RARET, co obxectivo de obter información e sabotar as transmisións. A CÍA intenta dar co “topo” mentres o Estado-Novo portugués encara unha profunda crise de lexitimidade e identidade.
Adrián Vázquez
En Carretando encántanos beber de produtos culturais de toda índole e de traballos informativos dos nosos colegas para encarar os programas. Estas son dúas recomendacións obrigatorias que queríamos facervos sobre Portugal.
Deixámosvos tamén o noso último programa, no que conversamos con Tereixa Constenla e Anxo Lugilde -correspondentes no país veciño- sobre os seus últimos comicios e a súa situación política.
Aproveitamos tamén esta Newsletter para contarvos que estamos de aniversario! Carretando leva xa un ano polas estradas galegas e queremos celebralo convosco. Andade atentos e atentas aos vosos correos e ás redes sociais, que este mes veñen moitas sorpresas.