Vigo alén Abel Caballero
Chegamos no Alvia á cidade olívica para reflexionarmos arredor dunha urbe que é moito máis ca os seus memes
Volvemos a Vigo, mais esta vez o obxectivo é ir máis alá da figura do alcalde e das súas extravagancias. Fiscalizamos as súas medidas, lembramos como era Vigo antes de que chegara e tamén como pode ser a cidade o día que Caballero marche. Asemade, a vida alén Abel tamén implica á oposición, tres partidos e tres candidatxs que procuran rachar coa súa hexemonía.
Para falar de primeira man contamos con dúas xornalistas locais que coñecen moi ben a realidade de Vigo. Uxía Miranda, de Treintayseis, e Víctor Currás, de Faro de Vigo, achégannos a súa completa análise e a súa perspectiva de futuro. Asemade, contamos co #MinutoCarretando onde os candidatos e a candidata expoñen nun breve lapso de tempo o seu modelo de goberno.
Malia que estamos ante a #PorraCarretando máis previsible e con menos emoción das sete cidades, as nosas convidadas sinalan na súa prospectiva que o resultado das eleccións pode marcar o camiño do posible relevo de Abel e tamén se os esforzos do PPdeG por lograr influencia na cidade supera o chan electoral da pasada cita electoral. Ademais, a pugna da Xunta por Vigo enténdese na necesidade de recuperar a Deputación de Pontevedra con apostas fortes na contorna.
Non te quedes só con Vigo e profundiza en Abel
Non é a primeira vez que nos sentimos atraídos pola figura de Abel Caballero e Vigo. Na nosa segunda temporada collemos a nosa autocaravana e pasamos polo Nadal de Vigo para amosar a primeira etapa dunha das personaxes mediáticas e políticas do momento. Profesor univesitario, ministro, novelista… Abel non ten só unha cara e é máis ca unhas leds.
De feito, tan poliédrica é a figura de Caballero que tivemos que tratalo en dous capítulos diferenciados. Nesta segunda parte, xa falamos do alcalde, do máis recente. Desde a súa chegada á alcaldía até ser unha estrela máis en ‘El Hormiguero’, pasando polo Dinoseto e o Dinosetiño. Abel ten luces, pero tamén sombras, e trazámolas coa participación de algúns membros de asociacións de veciñanza e colectivos sociais.
Asemade, se queres completar aínda máis o perfil de Abel Caballero, o experto en comunicación política, Álex Fernández Garrido (@AlexFerGarr), realizou un completo e interesante traballo arredor da súa figura e a execución da súa campaña permanente. Materializouno nun libro que podes adquirir de diferentes modos.
Podes mercalo en formato físico, ebook ou descargalo en formato pdf. Aquí vos deixamos a sinopse que acompaña a investigación:
No ano 2007, Abel Ramón Caballero Álvarez preséntase coma o cabeza de cartel do PSOE na cidade de Vigo, e contra todo prognóstico alcanza unha alcaldía á que, doce anos despois, o levantou o 68% dos votantes. Convértese así no alcalde máis votado de España, asentándose como unha das figuras máis populares do panorama político nacional, cunha relevancia pública pouco habitual para un rexedor municipal.
Coa progresiva construción dun liderado mediático, levantado nun perfil de comunicación política creado a medida, onde realiza impactos diarios, comeza unha campaña permanente que o converte nun ídolo de masas. Co obxectivo de atopar as claves do seu éxito, neste texto profúndase na traxectoria deste fenómeno desde a vertente comunicativa, estratéxica e electoral.
Próxima parada: Lugo
Volvemos ao interior do país para falarmos da cidade romana. Lara Méndez (PSdeG) gobernou esta lexislatura en coalición cun Rubén Arroxo (BNG) que foi quen de marcar axenda propia dentro do goberno e posicionarse como candidato. Porén, ante este goberno xorde a figura de Elena Candia, do PPdeG. A exalcaldesa de Mondoñedo é a aposta paracaidista dos populares galegos para poder obter un bo resultado na cidade. Pola súa banda, os lucenses tamén poderán optar pola papeleta de Podemos-EU e Ciudadanos, que se presentan con Chus Rodríguez e Olga Louzao, respectivamente. Aquí vos deixamos un mapa realizado pola infografista, Iria Souto, para velo de xeito gráfico e claro:
Para esta viaxe non imos ter problema polas peaxes, xa que colleremos a A-6 e chegaremos a Lugo sen maior problema, cando menos de momento. Con todo, non podemos pasar por Lugo sen probarmos unhas boas tapas. Para apoiarnos, lembra que podes impulsar e manter o proxecto cunha pequena aportación mensual no Patreon. Tamén nos podes seguir nas nosas redes sociais para estar ao tanto do que pasa na política galega. Contamos contigo o xoves que vén entre murallas!